O XÉNERO LÍRICO II
No tema anterior vimos os aspectos poéticos que gardan relación coa métrica, e tamén que as rimas e as estrofas non son elementos imprescindibles, pois existe poesía de moi boa calidade que carece de rima e outras que si a teñen e son auténticos ripios ( textos que riman pero non transmiten emoción e nos que non hai beleza). Daquela, se a rima non é a que crea a poesía, que outros aspectos debemos ter en conta para comprendela?
O CONTIDO DO TEXTO:
As voces poéticas
A temática
De que tratan as poesías? A resposta é fácil: de todo!!! Hai quen pensa que as poesías só tratan temas amorosos ou aspectos demasiado melindrosos e relambidos, pero non é así en absoluto. A poesía pode tratar sobre calquera tema, é certo que o texto lírico é aquel no que se expresan os sentimentos, pero os sentimentos son de moitos tipos e poden xurdir a raíz de calquera experiencia.
En xeral, adoita clasificarse a poesía segundo sexa de tipo intimista ou social, é dicir, segundo afonde nos sentimentos individuais (o amor ou o desamor, o paso do tempo, a condición humana...) ou nos sentimentos colectivos que nacen de distintas situacións sociais ( a escravitude, a violencia de xénero, os desafiuzamentos, o desemprego, as guerras...). O que pasa é que non é tan sinxelo porque máis que do tema que se trate depende do enfoque que se lle dea, de se se trata dunha reflexión que só afecta ao individuo ou se se pretende tamén espertar conciencias:
Compróbao nos seguintes textos que falan, ambos, do paso do tempo:Dóenme os ollos
de mirar
como sobe cada noite a pedra,
de mirar
como sobe o pranto
ao faiado dos días.
Dóenme os labios
de esperar o milagre dos beizos
esquecidos;
de coidar
a ledicia dos despoboados
que enxendraron a terra.
Dóeme o sorriso amargurado
dos que foron
gastando os seus soños
e amortallando as horas
sen un salaio de noxo.
Dóeme a vida
como unha ferida acoitelada,
coma un anoitecer desleigado,
coma un cadaleito,
cheo de rosas murchas.
María do Carme Kruckenberg, “A sombra ergueita”
Monólogo do vello traballador
Agora tomo o sol. Pero até agora
traballei cincuenta anos sen sosego.
Comín o pan suando día a día
nun laborar arreo.
Gastei o tempo co xornal dos sábados,
pasou a primavera, veu o inverno.
Deille ao patrón a flor do meu esforzo
e a miña mocidade. Nada teño.
O patrón está rico á miña conta,
eu, á súa, estou vello.
Ben pensado o patrón todo mo debe.
Eu non lle debo
nin sequera este sol que agora tomo.
Celso Emilio Ferreiro, Longa noite de pedra
Por outra banda, ademais do tema principal, podedes ter diferentes subtemas relacionados. Como sabedes, para elaborar o tema dun texto debemos utilizar un substantivo abstracto. Por exemplo, o tema principal dunha obra que todos coñecemos como Romeo e Xulieta, podería ter como tema principal "Os tráxicos amores entre Romeo e Xulieta". Os subtemas serían "desavenencias familiares entre os Montesco e os Capuleto", "o suicidio ou a morte"...
A estrutura interna
Do mesmo xeito que nos textos narrativos, os poéticos son susceptibles de teren unha estrutura. Podedes dividir os poemas en partes agrupando os diferentes versos segundo o contido. Os tipos de estrutura son os mesmos que no xénero narrativo (tradicional cando nos conta unha historia de xeito cronolóxico - poesía narrativa- circular, paralelística....)
A FORMA
A estrutura externa
A linguaxe poética
A poesía caracterízase fundamentalmente polo uso que nela se fai da linguaxe. A linguaxe poética busca transmitir emocións e crear sensacións en quen le, para iso xoga cos significados das palabras e cos recursos estilísticos.
As palabras están escollidas polas súas connotacións, é dicir, máis polo que fan sentir que polo que din; non van dirixidas ao cerebro senón ao corazón, procuran suscitar no/a lector/a evocacións de experiencias propias ou desexos que reviven na lectura do poema. Deste xeito, se lemos, por exemplo, “tardes douradas de azul intenso” pode ser que pensamos nun agradable día de verán na praia e seguramente volveremos sentir a calor do sol secándonos a pel logo do baño; todo isto non o sentimos cando alguén nos di “ fun á praia” porque no segundo caso só se nos quere informar mentres que no primeiro búscase facernos sentir.
Precisamente porque as palabras están escollidas para crear sensacións, moitas veces utilízanse cun valor simbólico, é dicir, remítennos á mensaxe dunha maneira máis visual, máis gráfica. Podémolo comprobar ao lermos o seguinte poema:
Loxicamente, o aire non é de pedra, nin as olladas; do que se trata é de falar da dureza desa mirada e da opresión que produce o ambiente e isto é moito máis fácil de entender se utilizamos o símbolo da pedra que é un elemento duro por natureza e que nos remite a expresións como “dar unha pedrada”, “ter o corazón de pedra”, “ser de pedra”...
O teito é de pedra.
De pedra son os muros
i as tebras.
De pedra o chan
i as reixas.
As portas,
as cadeas,
o aire,
as fenestras,
as olladas,
son de pedra.
Os corazós dos homes
que ao lonxe espreitan,
feitos están
tamén
de pedra.
I eu, morrendo
nesta longa noite
de pedra.
Longa noite de pedra
Canto aos recursos estilísticos, consisten en utilizar a linguaxe para lograr que o texto teña interese por si mesmo, pola súa beleza, e conseguir así que o receptor centre a súa atención tamén no propio texto e non só na mensaxe que transmite.
Figuras retóricas máis habituais
Dependendo do plano da lingua coa que se xogue distinguimos tres grandes grupos de recursos estilísticos:
- Os que afectan ao plano fonético, é dicir, á pronunciación das palabras, á súa sonoridade. Entre eles podemos destacar:
- Aliteración: Repetición de determinados sons para reforzar un certo ritmo ou para suxerir algún significado, por exemplo as consoantes sibilantes (s, x, z) producen a sensación de tranquilidade e relaxación mentres que as oclusivas (p, k, t,) ou o “ rr” transmiten forza e intensidade:
Exemplo - Fonosimbolismo: É unha figura moi semellante á anterior pero nela xógase coas sensacións visuais ou auditivas que producen os fonemas. Nestes versos de Rosalía os “os” recórdannos os ollos grandes e abertos do moucho: Exemplo
- Onomatopea: Consiste en imitar sons reais mediante a utilización de palabras que se asemellan a eses ruídos.
Exemplo
- Aliteración: Repetición de determinados sons para reforzar un certo ritmo ou para suxerir algún significado, por exemplo as consoantes sibilantes (s, x, z) producen a sensación de tranquilidade e relaxación mentres que as oclusivas (p, k, t,) ou o “ rr” transmiten forza e intensidade:
- Os que afectan ao plano morfosintáctico, é dicir, á forma das palabras e a como se relacionan unhas con outras. Entre os máis habituais podemos destacar os seguintes:
- Anáfora: Consiste na repetición dunha palabra ou grupo de palabras ao principio de varios versos coa intención de destacar determinadas palabras e de crear ritmo:
Exemplo - Paralelismo: Repetición das mesmas palabras (paralelismo semántico) ou estruturas sintácticas (paralelismo sintáctico) en varios versos coa finalidade de marcar o ritmo do poema e tamén chamar a atención do lector.
Exemplo - Hipérbato: Consiste na inversión da orde lóxica das palabras para conseguir unha maior forza expresiva.
Exemplo
- Os que afectan ao plano semántico e, polo tanto, baséanse en usar de maneira especial o significado das palabras. Algunhas destas figuras xa as estudamos noutras unidades, podes repasar a metáfora, o símil, a personificación e a hipérbole no chanzo 18 da unidade 1 e a ironía e as amplificación no chanzo 18 da unidade 2. Pero agora veremos algunha outra que tamén é de uso frecuente:
- Antítese: Consiste en utilizar palabras ou frases que se refiren a ideas ou conceptos contrarios coa finalidade de reforzar unha idea:
Exemplo - Metonimia: Consiste en referirse a unha parte para indicar a totalidade, ou a un elemento para indicar outro co que mantén contigüidade:
Exemplo - Sinestesia: Consiste en asociar impresións percibidas por distintos sentidos:
Exemplo
- Antítese: Consiste en utilizar palabras ou frases que se refiren a ideas ou conceptos contrarios coa finalidade de reforzar unha idea:
Por suposto, existen moitas outras figuras estilísticas das que poderiamos falar pero, se ben algunhas que son moi usuais é importante recoñecelas, o que non podemos facer é converter a lectura dun poema nunha busca e captura de figuras retóricas. Os poemas non se perciben polo intelecto senón pola pel; o importante nun poema é que consiga conmovernos, non o número nin o tipo de figuras retóricas coas que está construído, iso só son recursos dos que se valeu o autor para conseguir o seu obxectivo: facernos sentir.
* Todos os textos empregados neste chanzo están adaptados ortograficamente por motivos didácticos.
O tema é o do xénero lírico II do proxecto cotovia.org con pequenas adaptacións
Comentários
Enviar um comentário