LITERATURA: O XÉNERO NARRATIVO
O xénero narrativo. Os elementos da narración (Proxecto Cotovía)
Introdución
Como xa dixemos, fronte ao resto das narracións, as de carácter literario caracterízanse porque os feitos que nelas se contan non pertencen á realidade senón á ficción, son sucesos inventados por un autor ou autora coa finalidade de entreter o público que, con posterioridade, gozará coa historia que se conta e tamén coa maneira na que ese autor/a decidiu contala. Ademais na narración literaria non só hai ficción na historia que se conta, tamén a hai na persoa que a conta, xa que o emisor non é alguén real senón un medio do que se vale o autor/a (este si que é real) para facernos chegar a historia.Unha obra literaria pode contar unha historia que xa coñecemos e non por iso resultar aburrida porque o interese está en como se nos conta máis que no que se nos conta. Isto non quita que sexa preferible que detrás do relato tamén haxa unha boa historia.
De todos os xeitos, a pesar do dito, un requisito básico nun texto literario é a verosimilitude, é dicir, que a persoa que o le ou escoita poida crer o que se lle está contando, aínda sabendo perfectamente que se trata dalgo inventado. Conseguir ou non esa verosimilitude é un dos aspectos que determinan a calidade do texto e para iso o autor posúe ferramentas como a caracterización dos personaxes, a creación dos ambientes, a sucesión temporal dos feitos que se contan...
Nunha narración literaria é fundamental o xeito no que se organizan os feitos e o uso estilístico que se fai da linguaxe. Estas son as particularidades das narracións literarias que imos ver agora con algo de detalle pero primeiro convén aclarar:
A que lle chamamos "narración literaria"?
Detrás desta denominación podemos atopar un conxunto de obras moi heteroxéneo: de diferentes extensións, intencións, orixes…
Incluímos no xénero narrativo os textos escritos elaborados por un autor/a (literatura de autor), pero tamén aqueloutros que son de transmisión oral (literatura tradicional): lendas, contos, anécdotas, romances e chistes.
Na narrativa de autor distinguimos basicamente dous tipos:
-
A novela: é unha narración longa que se desenvolve nun marco espazo-temporal ben caracterizado, no que os personaxes teñen moita importancia e no que, normalmente, sucede unha acción principal e outras dependentes dela. Adoitan estar divididas en partes ou en capítulos. A extensión é variable, hai novelas de centos de páxinas e outras que non chegan ás cincuenta, e isto dá pé a que se fale de novela longa e novela curta.
-
O relato ou conto: ten menor extensión e isto condiciona que haxa unha soa acción e poucos personaxes. Tamén ten extensión variable pero, en xeral, máis alá de trinta páxinas xa se fala de novela curta.
O microrrelato: é un tipo de conto de moi curta extensión (poden incluso estar formados por catro ou cinco palabras) que ten como elementos identificadores a sorpresa e a suxestión; máis que contar unha historia danse unhas claves para que logo o lector a recree. - Exemplo:
A morte do caniche
Despistouno o feito de que levase aqueles adhesivos da
protectora de animais, de organizacións ecoloxistas e de defensa da
natureza. Estaba mirando con simpatía para un “Salvade as baleas” que
campaba rechamante no cristal traseiro, e por iso non advertiu que o
coche daba marcha atrás.
Quedou coa correa na man.
O que non define o tipo de texto é a temática que se aborda nel, non é certo que o conto sexa de temática fantástica e a novela non. En realidade, segundo a temática podemos falar de contos ou novelas históricas, de ficción científica, de aventuras, policiais ou sociais.
Tampouco a idade do público ao que vai dirixido define o tipo de texto; si que é certo que normalmente os nenos len contos e non novelas pero iso é porque a súa capacidade de atención aínda é reducida e non poden concentrarse nunha historia moi longa. De feito existen novelas infantís e novelas para adultos e o mesmo pasa cos contos. E tampouco o formato no que se presenta a historia ten relación co tipo de texto que se trate, pois normalmente os contos (sobre todo os que son para adultos) aparecen publicados en volumes que recollen varios relatos e que teñen o mesmo aspecto exterior que pode ter unha novela.Características dos textos narrativos literarios
Os textos narrativos son actos de comunicación e, como tales, están presentes nel os elementos propios da comunicación: emisor, receptor, código, canle e mensaxe. O código é a lingua que se emprega e a canle pode ser oral ou escrita. Ata aí poderiamos estar falando de calquera acto de comunicación normal pero nos outros elementos propios da narración é onde se fai evidente que non o é: xa dixemos máis arriba que o emisor é un ser ficticio, e o mesmo acontece co receptor, mais onde atopamos máis diferenzas é na mensaxe, pois o texto literario posúe unhas características propias que esixen un alto grao de elaboración e de manexo de técnica narrativa que só algunhas persoas son quen de manexar con excelencia. Estas particularidades afectan ao uso específico que se fai da lingua, á estrutura do texto e aos elementos que teñen que intervir nel.
a) A estrutura
Ao falarmos da estrutura dun texto literario debemos distinguir a estrutura externa da interna.
A estrutura externa fai referencia á maneira na que se dosifica a historia á hora de presentárnola: se se divide en partes, en capítulos, en apartados... e a extensión que teñen, se están numerados, se teñen títulos... Por exemplo: a obra Ámote Leo A. de Rosa Aneiros é unha triloxía porque é unha novela escrita en tres partes; cada unha desas partes ten un título diferente e está composta por un número variado de capítulos numerados pero sen título; Os Megatoxos de Anxo Fariña é unha serie ou colección formada por novelas diferentes nas que os mesmos personaxes viven diferentes aventuras; cada unha delas está formada por capítulos numerados e con título; A sombra cazadora, de Suso de Toro, é unha novela dividida en catro apartados e mais un epílogo; cada apartado leva un título e está dividido nun número irregular de capítulos numerados pero sen título...
A estrutura interna refírese á orde na que se nos contan os feitos.
O máis habitual é atoparmos unha estrutura cronolóxica na que os acontecementos se narran segundo van ocorrendo, e faise en tres momentos:
-
Presentación: É a situación inicial, o momento no que se fai a presentación do espazo e do tempo onde van ocorrer os feitos e tamén se dá a coñecer os protagonistas.
-
Nó: É a parte na que se desenvolve a acción e teñen lugar os conflitos (problemas que xorden e acontecementos destinados a resolvelos).
-
Desenlace: É a resolución e a situación final, é dicir, a acción que resolve definitivamente o conflito e dá solución ao problema dos protagonistas.
Porén, é posible que apareza outra estrutura: in media res (a narración comeza no conflito), en contrapunto (simultanéanse varias historias cos seus correspondentes conflitos e solucións) ou circular (a historia comeza e remata no mesmo lugar).
Ás veces o desenlace non chega a producirse e é o lector quen ten que imaxinar a partir de varias posibilidades que se deixan entrever do narrado ata ese momento; nestes casos dise que hai un final aberto.
Estes dous aspectos que acabamos de ver (estilo e estrutura do texto) fan referencia á mensaxe. No próximo tema veremos os que fan referencia ao emisor, á acción, ao tempo e ao espazo.
Coma no resto das narracións, tamén nas literarias existe unha persoa (o narrador) que conta uns feitos (acción) que lle suceden a alguén (personaxes) nun lugar e nun tempo determinados. Imos ver agora de vagar estes elementos narrativos:
b) Os feitos
Os feitos que suceden na historia é o que se denomina acción. A maior parte dos textos narrativos presentan unha acción principal (a que viven os protagonistas) e outras secundarias que se artellan arredor da principal e que afectan normalmente aos personaxes secundarios. A maneira na que esas accións se entrecruzan determinan o que se chama a tensión narrativa, que vén sendo o interese e a ansia de seguir lendo que se esperta nos lectores. O autor pode decidir acelerar ou moderar o ritmo da acción para facer que esa tensión aumente ou diminúa en determinados momentos e para conseguilo pode ocultar datos, apresurar os feitos, facer que falen os personaxes...
O conxunto das distintas accións e das relacións que hai entre elas é o que se denomina argumento. Daquela, o argumento é un resumo organizado dos feitos que se contan e para elaboralo debemos responder a pregunta “Que pasa no relato?”.
A forma na que o autor organiza os feitos (que tipo de narrador o conta, número e tipo de personaxes, a estrutura narrativa escollida, se hai saltos temporais, o lugar onde acontece....) denomínase trama.
c) O Narrador
É a voz encargada de presentar os personaxes e de contar os feitos. Como xa se dixo, non debe de confundirse co autor/a; o narrador é un ente de ficción mentres que o autor/a é unha persoa real que se dedica a inventar historias para nós. Dependendo da cantidade de información que se ofreza e da persoa gramatical escollida para facer a narración, falamos de distintos tipos de narradores.
- Narrador en 1ª persoa: A historia é contada por un personaxe da mesma que participa nela como protagonista (eu protagonista) ou como personaxe secundario (eu testemuña).
Tanto nun caso coma noutro, o coñecemento que o narrador ten dos feitos
é limitado xa que só pode contar o que ve, escoita ou pensa (pero non o
que pensan os demais personaxes). Este tipo de narrador proporciona
unha visión subxectiva dos feitos narrados (porque conta as cousas
segundo a el ou a ela lle parece que pasan) pero ao mesmo tempo reforza a
verosimilitude, porque presenta os feitos como vividos directamente por
quen os conta.
Exemplo de narrador protagonista:Mirei para o meu dedo a piques de premer e vin que tremía coa indecisión, a mesma que sempre coutara toda iniciativa ante ela, por iso apoiei a man no beiril da porta e sostíveno no ar. Pensei que levaba moitos anos sen vela, tantos como aniñara no cerebro o devezo de recuperar aquel sorriso, tantos como levaba o baleiro e o recato someténdome a existencia e mudándoa cara a un mero deambular de ánima en pena. [...]
O cabo do mundo, Xabier Quiroga
Exemplo de narrador testemuña
Gustoume ver a Xiana tan serena coma sempre. Semellaba máis moza co pelo moi curto tinguido de caoba. A súa dozura enérxica revelábase ben eficaz para batallar con adolescentes e non me estrañaba que eles a adorasen. Impartía clase de Ciencias Naturais no instituto de Arealonga e, aínda que ó comezo tivera non poucos problemas con certos compañeiros – a maioría antigos profesores seus e meus- acabara por atopar o seu lugar e modificar, con habilidade e discreción, algúns enraizados costumes que se parecían demasiado a vicios, doados de adquirir, pero maliños de borrar. [...]
O faro de Arealonga, Uxía Casal
- Narrador en 3ª persoa: O
narrador conta a historia dende fóra; isto proporciónalle
distanciamento respecto aos feitos, que pode ser menor ou maior segundo o
punto de vista que escolla. Así pode ser un narrador omnisciente
que o sabetodo acerca dos seus personaxes (o seu pasado, o futuro, o
que pensan…) e ademais ás veces fai comentarios e dá a súa opinión. Este narrador pode ser total, cando coñece todo de todas as personaxes ou selectivo, se só sabe todo dalgúnha ou dunha soa personaxe. Por outra banda, tamén pode serr un narrador obxectivo/a, neste caso limítase a
informar do que se ve a simple vista, funciona coma se fose unha cámara
cinematográfica, por iso acostuma facer descricións (nunca valoracións)
e transcribir diálogos dos personaxes.
Narrador omnisciente:Calquera estaría de acordo: aqueles dous eran unha parella de vello, unha parella de moito tempo atrás, unha parella de moitos anos, unha parella, digamos, estable, ou para dicilo dunha maneira sinxela e que se nos entenda ben dende o principio, unha parella habitual, formal, normal. Algo así. [...]
In vino véritas, Francisco Castro
Narrador obxectivo/a - Só o resplandor dunha candea iluminaba as brancas e arxilosas paredes
do cuarto. Un catre, unha cadeira, unha almofía canda unha xerra de
auga e un estartelado escritorio eran o único mobiliario que ofrecía a
ruinosa hospedaxe situada no Cairo. Entre as súas paredes a sufocante
calor agarrábase igual que un inquilino molesto. Detrás do marco da
ventá, un ceo inzado de estrelas era o lenzo sobre o que se pintaban
tres ciclópea pirámides.
Un home de mediana idade, vestido con camisa e pantalóns da cor da area deambulaba nervioso pola estancia. Murmuraba para si, tentando encontrar a solución a algún problema que o atormentaba. [...]
O mundo secreto de Basilius Hoffan, O ladrón de soños, Fernando Cimadevila
Ás veces incluso se pode facer unha narración en 2ª persoa se o narrador finxe un diálogo co lector/a ou consigo mesmo/a:
Narración en 2ª persoa
Sol de Inverno, Rosa Aneiros
d) Os personaxes
Os personaxes son os encargados de realizar as accións. As referencias aos personaxes son fundamentais para dotar de unidade e de cohesión á obra, pero a maneira de presentalos depende do tipo de relato, da súa extensión e da intención do autor/a. Nun relato breve os personaxes aparecen caracterizados de maneira esquemática porque o interese céntrase máis na acción, non obstante, en narracións longas os personaxes cobran moita importancia e aparecen moi ben caracterizados. A caracterización dos personaxes faise a partir do que eles mesmos pensan e din, da súa maneira de comportarse, e da información que o narrador e outros personaxes nos proporcionan.
Na obra O derradeiro libro de Emma Olsen, da autora Berta Dávila, o personaxe principal antagonista non é descrito de maneira explícita porque o imos coñecer polos seus actos ao longo da obra. Exemplo:
En calquera caso somos o que inventamos sobre nós para que os demais nos vexan así. E por iso non podo dicir outra cousa de Clarissa que o que ela decidiu. Que Clarissa é a vertixe. Que Clarissa é especial, ou diferente a todos. Decidiuno como se decide tinxir o cabelo e converterse nunha loura perigosa. Decidiuno e puxo en práctica todas as estratexias necesarios para que todos nós soubésemos que ela non era igual ca o resto. Aínda que non sei exactamente en que ou por que causa, porque a diferenza non se nota igual que o cabelo osixenado, non chega facilmente para instalarse, é unha elección persoal e meditada, si, un camiño que se pode coller ou non.O derradeiro libro de Emma Olsen, Berta Dávila
Mais outros personaxes secundarios si son caracterizados
directamente pola narradora, aínda que non a través dunha descrición, é o
lector/a quen debe etiquetar o carácter do personaxe. Exemplo:
A señora Brown –nada en Newpor, Gales - casou co señor Brown ao final da guerra, e despois cruzou o océano en barco e o país en tren para rematar aquí. Pensou que marchaba ao novo mundo do brazo dun heroe para non tardar en volver, pero viviu corenta anos nunha casa prefabricada e nunca estreou mobles bonitos porque ía regresar sempre en poucos meses. O señor Brown traballou na fábrica de pneumáticos até xubilarse e aforrou até o derradeiro dólar. Non tiveron fillos.
Pero dous meses despois de deixar o traballo resulta que desaparece da face da terra detrás dun infarto fulminante, e a señora Brown – de Newport, Gales- xa non pode volver á casa. Porque en realidade xa non ten onde volver nin con quen facer unha vida ao outro lado do Atlántico. Esa é unha verdade incuestionable e a señora Brown sábeo. E entón si que merca mobles novos. E cambia a moqueta. E comeza a facer tortas de todo tipo: de amorodos e de grosellas, de améndoas, biscoitos de crema, madalenas de albaricoque. Fainas e devóraas nada máis saír do forno mentres ve na televisión por cable unha canle británica. Engorda dezaseis quilos e o médico aconséllalle que deixe de comer azucre. O médico dille outra verdade incuestionable: se segue así acabará matándose.
E iso que para matarse por exceso de azucre é necesario que o nivel de glicosa se eleve por riba dos douscentos miligramos. É difícil chegar a matarse así, pero a señora Brown, que estivo a piques de conseguilo, non se atreve a replicarlle ao médico que talvez é o que quere exactamente, rematar con todo, e que non pode deixar de facer tortas no seu forno novo porque iso si acabará con ela. Así que decide entón que o que mellor lle sae, o sentido da súa existencia, son os pasteis de mazá. Repárteos pola veciñanza e os nenos da familia Logan agardan impacientes cada entrega. Sobre todo Clarissa. E todo o mundo lle aplaude porque a Señora Brown fai os pasteis de mazá máis saborosos de mundo e ninguén ten dereito a opinar outra cousa. Aínda que a masa estea reseca. Aínda que xa non vexa ben e corte demasiado grandes os pedazos de mazá, que fican crus dentro da mestura. Aínda que os recubra cunha capa tan espesa de mel que sexa imposible comer máis dun anaco minúsculo sen enfermar de diabetes. Ninguén ten dereito a dicir outra cousa e se vives en Faith e non soportas o pastel de mazá da señora Brown é mellor calar e sorrir mentres tragas esa pasta noxenta, porque ao cabo o prezo de non facelo é demasiado alto. Levámolo no núcleo das células: máis vale tragar e sorrir.
O derradeiro libro de Emma Olsen, Berta Dávila.
Atendendo a distintos criterios podemos clasificar os personaxes en:
-
Reais ou imaxinarios (fadas, dragóns, trasnos...). Loxicamente esta distinción só ten sentido cando estamos diante de relatos fantásticos, nos que os personaxes adoitan representar valores simbólicos.
A triloxía Dragal ten por protagonista a Hadrián, un rapaz normal (personaxe real) que está destinado a se converter en dragón (personaxe fantástico) segundo unha antiga profecía. Exemplo: - Mentres a mestra seguía o seu percorrido entre as mesas, achegándose pouco a pouco ao fondo da clase, Hadrián ollou pola fiestra. A choiva petaba contra os cristais, pero o rapaz tiña a ollada posta máis alá, na fachada da vella igrexa de San Pedro. Atopouno coma sempre, na cornixa, e sorriu cando o vello Dragal lle chiscou un ollo nun xesto de complicidade.
O resto dos alumnos, alleos aos movementos do dragón de pedra, permanecían en absoluto silencio, atentos a cada xesto da súa titora. E dona Ermidas, tamén ignorante do acontecido, seguiu repartindo exames ata chegar á altura de Hadrián. [...]
Dragal, A herdanza do dragón, Elena Gallego Abad.
-
Principais ou secundarios. Facemos esta distinción atendendo á maior ou menor participación, pois os principais teñen presenza na maior parte do relato e conducen a acción en tanto que os secundarios teñen unha participación ocasional. Dentro dos personaxes principais podemos distinguir o protagonista (ou protagonistas) e o antagonista (personaxe que se opón ao protagonista).
-
Planos ou redondos. Esta distinción baséase na súa complexidade psicolóxica. Os planos non teñen vida interior e representan tipos predefinidos (o bo, o heroe, o parvo…) que actúan da mesma maneira de principio a fin e que non van sorprender nunca co seu comportamento; os redondos vanse formando a medida que transcorren os acontecementos e están cheos de matices e complexidade.
-
Estilo directo. Reprodúcense
textualmente as palabras do personaxe. Xeralmente faise a través do
diálogo, aínda que se se trata dunha intervención pequena tamén se pode
facer usando comiñas. Para introducir o diálogo escríbese en liña á
parte precedida dun trazo e dalgún dos verbos de lingua: dicir, pensar, afirmar…
Exemplo:
- - E agora ti, Pedro, dime algúns bos condutores.
Pedro recitou de corrido:
- Os metais en xeral, o ferro, o cobre, o aluminio, o aceiro, e a miña tía Carmiña.
Escachamos a rir. Sabela mirouno por riba dos lentes. Semellaba que quería saltar por enriba dos pupitres e collelo do pescozo.
- A túa tía Carmiña? – preguntou remarcando cada sílaba -. Queres pasar polo máis gracioso da clase, amiguiño?
- Non, para nada! É que sempre dá corrente a miña tía. Di: “Ven e dáme un bico, pillabán”, e tócate coa man e salta unha faísca.O caderno laranxa de Morgana, Pasqual Alapont.
-
Estilo indirecto. É o narrador o que
reproduce de maneira indirecta e en 3ª persoa as palabras do personaxe,
sempre precedidas dun verbo de lingua e das conxuncións que ou se.
Exemplo:
- A muller pediu oito costeletas de porco, oito filetes de vitela “ben
finos que son para rebozar” e, despois de dubidar un anaco, media ducia
de chourizos curadiños “que lle son para comer en cru”. Cada pedido foi
atendido e envurullado no seu correspondente papel parafinado. Cando
Carmiña llos ía gardar todos nunha bolsa de plástico ela dixo que non facía falta, que os podía meter na pota que levaba na cesta.
“Enxeño”,Menú de enganos, Manuel Núñez Singala.
-
Estilo indirecto libre. É unha
combinación dos dous anteriores. O narrador integra as palabras do
personaxe no seu propio discurso en 3ª persoa pero eliminando as marcas
que fan ver que son palabras do personaxe; adoitan usarse moitas
exclamacións e interrogacións, e verbos que expresan dúbida,
probabilidade...
Exemplo:
- A señora Lola pica e repica enriba da táboa cun coitelo ben afiado e pensa, a señora Lola, case sen querer, que
mágoa de vida, que escravitude de lentellas. A ver porque nunca Eusebio
lle dixo de saír de alí, de viaxar ou algo. Co que lle había gustar a
ela escapar desta cociña, tan só un andar superior á mesma cociña do bar
onde perdeu case corenta anos da súa vida.
Ás de bolboreta, Rosa Aneiros.
- Monólogo interior.
Reproduce os pensamentos do personaxe tal como se orixinan na súa
mente, sen orde, sen coherencia, sen normas gramaticais, con frecuentes
cambios de tema e interrupcións do discurso.
Exemplo:
- Vaia tempo, eh. Empeza ben o día. Non para, a que se pon a chover non
ten parada. Antes todos chamabamos pola chuvia, que se había seca, que
se secaba a verdura, que se no inverno había arder o monte, que sei eu. E
agora aí tedes chuvia. Toma chuvia. E a min gústame a chuvia, eh,
coidadiño, que se me falta moito tempo aínda parece que me falta algo.
Que había de ser de nós, que somos coma herba, sen a chuvia. Tamén o que
ten a chuvia é que fai que te deas máis de conta de como pasa o tempo,
que o notes máis, como se dixéramos. [...].
Tic tac, Suso de Toro.
e) O espazo
O espazo é o lugar onde suceden os feitos narrados e por onde se moven os personaxes, por iso é un elemento indispensable para darlle unidade á narración. Pero ademais de servir como escenario onde se desenvolven os feitos, ás veces tamén ten un valor simbólico que axuda a entender mellor a mensaxe da obra; así, por exemplo, un espazo aberto pode simbolizar a liberdade, un espazo itinerante a aventura, o desacougo...
A caracterización dos escenarios (igual ca a dos personaxes) implica a combinación de narración e descrición.
Alí non había ninguén. Semellaba unha vila deshabitada. Nin tan sequera un can preguiceiro ou unha pita desnortada que agoirase vida doméstica. Aquilo, ser era estraño porque as casas eran moitas e algunhas tiñan pintura recente e mesmo cortinas.
Cruzou a praza igual que se camiñase polo deserto e bateu cos cotenos na porta dunha casa bautizada como cantina por un letreiro de caligrafía eivada, e que tiña as paredes enzoufadas cun azul mediocre. [...]
Homónima, Antón Riveiro Coello.
Dependendo da súa relación coa realidade os espazos poden ser:
- Reais: os feitos sitúanse en lugares auténticos que todos podemos recoñecer.
Exemplo:
- O curtidoiro da Pontepedriña era un dos máis potentes da comarca e
tamén o máis grande. As instalacións ocupaban unha gran extensión de
terreo e, tras aquela impoñente cancela de ferro e os soberbios muros de
pedra, atopábase o sustento dunha parte importante de Santiago.
Os pantalóns nunca foron cousa boa, Lidia Gómez.
- Imaxinarios: os feitos sitúanse en lugares inventados pero que teñen un espazo real como referente. Por exemplo , o escritor Eduardo Blanco Amor sempre sitúa a súa obra en Áurea ou A., que en realidade é a cidade de Ourense.
- Fantásticos: son lugares inventados polo autor/a para axudarse no seu propósito narrativo.
Por exemplo:
- Aquel comentario do seu tío púxolle a carne de galiña. Porén, esqueceuno tan pronto como comezaron a percorrer a misteriosa cidade. Ao seu paso viu grandes terrazas onde plantaran fermosos xardíns de flores e enredadeiras, que brotaban como fervenzas. Ás veces escoitaba melodías que xurdían dalgún faiado e outras chegábanlle aromas que evocaban afastados lugares. No alto dun torreón alguén vixiaba as estrelas cun descomunal telescopio, e a través dunha gran xanela redonda, viu un grupo de persoas que se reunían diante dunha cheminea, mentres escoitaban o relato dun viaxeiro. Aquel lugar non tiña nada que ver co mundo que coñecía.
O mundo secreto de Basilius Hoffman, Fernando Cimadevila.
Ademais podemos tamén definilos como: interiores /exteriores, urbanos / rurais, estáticos / itinerantes…
f) O tempo
No tratamento do tempo débese distinguir claramente entre tempo da historia ou tempo externo e tempo interno ou tempo do relato.
-
O tempo externo é a época ou data na que se sitúan os feitos que se narran na historia. Pode aparecer de xeito explícito no texto ou pode deducirse a partir do ambiente, dos obxectos que se empregan, da maneira de expresarse dos personaxes...
Observa: - Sentei nunha das cadeiras da sala, apoiei os cóbados na mesa e enterrei a cabeza entre as mans. Xa estaba feito, atrevérame a dicilo, agora non había volta atrás. Ía regresar a Monteverde, tras trinta e dous anos de ausencia, despois de xurar e perxurar que nunca máis volvería. Como esquecer a data da miña marcha, ou mellor, da miña fuxida? Imposible facelo, formaba parte deses contados momentos esenciais que definen unha vida. Fora o 9 de outubro de 1970, o día en que subín ao tren na Coruña e emprendín a difícil viaxe que me acabaría traendo a París.
Trinta e dous anos xa! Malia a distancia que me afastaba dela, en tempo e quilómetros, Monteverde nunca deixara de estar presente na miña vida.Non hai noite tan longa, Agustín Fernández Paz.
-
O tempo interno refírese ao tempo que duran os acontecementos que se contan na historia (se se presentan resumidos, se hai longas descricións...), á orde na que se presentan e á cantidade de acontecementos que se narran.
Para analizar o tempo interno débense ter en conta dous parámetros:
- A orde na que se narran os feitos: O autor/a pode optar por presentar os feitos na orde cronolóxica na que sucederían na vida real (orde linear) ou presentalos con saltos temporais. Se o salto se fai a través dunha retrospección ao pasado denomínase analepse ou flash-back, e se se fai como unha anticipación de acontecementos futuros denomínase prolepse. Asi, por exemplo, na novela de Fernández Paz Non hai noite tan longa comeza a historia en 2002 co aviso da morte da nai do protagonista e a decisión deste de volver a súa casa de onde saíra había máis de 30 anos e, a partir de aí, a través de varias analepses imos descubrir cales foran os feitos que o obrigaran a fuxir da súa vila natal.
- O ritmo narrativo: Refírese á cantidade de acontecementos que se narran nun texto. Se a narración no tempo do relato é maior que no tempo da historia o ritmo será lento, no caso contrario será un ritmo rápido. Por exemplo, se o que sucede en dez minutos de historia se conta en cen páxinas, o relato terá un ritmo lento e se en dez liñas se resumen dez anos de historia entón terá un ritmo rápido. Para acelerar o tempo o autor/a pode optar por resumir determinados feitos ou ben incluso por non contalos, se considera que non teñen importancia para a historia; se o que pretende é que o ritmo transcorra lento e sosegado entón introducirá máis partes descritivas, diálogos ou reflexións do narrador ou dos personaxes.
Como remate propoñémosche fixáreste no seguinte texto, que pertence ao comezo da novela A evolución de Calpunia Tate, de Jacqueline Kelly, publicada por Factoría K de libros, co fin de que te decates de cales son algúns dos elementos narrativos máis relevantes.
O tratamento que se fai de todos estes elementos que estivemos vendo é fundamental á hora de analizarmos un texto. É certo que cando lemos podemos non reparar en como se organiza a historia, nin que tipo de narrador nola conta... porque o que queremos é gozar da lectura, pero se quen a escribiu non o fixese de maneira concienciuda e consciente da importancia de cada un deses elementos o noso goce había ser ben pouco.
g) A lingua nos textos narrativos
a) O uso da lingua
Como en calquera outro texto narrativo, no texto literario utilízanse uns determinados recursos lingüísticos adecuados para a transmisión de sucesos (xa vistos no chanzo 3) mais, a diferenza dos outros tipos de narración, nos textos literarios non se emprega a lingua unicamente cunha función referencial, é dicir para transmitir un contido, senón tamén cunha finalidade estética, ou sexa, o texto é un fin en si mesmo e non só un medio para nos facer chegar unha determinada información. Pero, como se aprecia esta diferenza no uso concreto que se fai da lingua en cada tipo de texto? Vémolo:
As palabras escollidas: O léxico non se emprega unicamente pensando no seu significado obxectivo senón atendendo ao seu potencial evocador.Por exemplo, resulta moito máis suxestivo...
“había ben tempo que todos os galos da contorna xa cantaran e o sol secaba as herbas das campas anegadas pola nocturna chuvascada”Morgana en Esmelle, Begoña Caamaño
ca...“xa era día e quentaba o sol”.
- O uso de determinadas palabras adoita estar en función da súa eufonía (a maneira na que soan) e as sensacións que poidan producir (suavidade, rotundidade...)
- Por exemplo“as palabras do meigo eran coma cóxegas lenes nas súas orellas e baixábanlle polo peito coma mel morno ata se instalaren dondas e prosmeiras no seu corazón”Morgana en Esmelle, Begoña Caamaño
- Uso de figuras literarias: Aínda que o uso de figuras é máis abundante na poesía ca na prosa, tamén nos textos narrativos se empregan estes recursos para embelecer os textos.
Son habituais figuras como metáforas: (Grazas, Felipe, por me alumeares o camiño da casa coa túa mirada.), comparacións (Amolábame o xesto afectuoso do sabio, poñendo ante min a posibilidade de ir á illa coma quen exhibe ante unha criatura un doce que non pode comer. Era demasiado cruel.), enumeracións (Era o noso país, coñeciamos cada risco, cada regato, cada cova onde permanecer acochados, vixilantes, asexándoos)... (textos pertencentes a Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño.). Tamén temos figuras que afectan á orde das palabras: as frases que compoñen as cláusulas e as oracións non sempre se presentan na orde máis lóxica para facilitar a súa comprensión porque, recordemos, ese non é o único obxectivo; ás veces interesa fixar a atención nalgún elemento distinto do suxeito e por iso se coloca en primeiro lugar, é dicir, prodúcense hipérbatos. Exemplo: “Estaba tacholado de luces o ceo de verán en Dodro” Amor de Artur, Méndez Ferrín - Uso de diferentes rexistros lingüísticos para caracterizar os personaxes. Por exemplo, en Merlín e familia, Álvaro Cunqueiro fai falar ao paxe Felipe con abundantes repeticións, propias dun mozo sen formación académica:“Pouco levaría durmindo cando veu a chamarme mi amo don Merlín, e díxome que moi caladamente baixara ao forno, que me precisaba. Baixei coas zocas chinelas na man por non ser sentido, e estaba o señor Merlín cabo da gaiola, que xa non estaba baleira, que había nela unha coma corza ou cervatiña deitada, coa cabeza pousada na almofada, e o que pasmaba eran os ollos azuis que tiña, e como tristemente te miraba”.
Merlín e familia, Álvaro Cunqueiro
- Presenza doutros tipos de texto (descritivos, argumentativos, expositivos...). No caso dos descritivos delimitan os ambientes e os espazos ou describen os personaxes e ademais uso de abundante adxectivación para ofrecer abondosos detalles. Exemplo: "Praza de Conarán, alén das marcas dos reinos de Bretaña. Falas desviadas, chirlos mesmo. Rostros da cor da terra e ollares descendentes nos que arde algunha cousa. Rei Artur, Galván, Keu, o senescal e as súas mesnadas, disfrazados de mercadores ollan a festa. Danzas, esgutíos, músicas estourantes, gargalladas a rachar o ar poirento. Mozas erguendo as saias e bocas de vellotes sen dentamia que chían un desexo ruín e pálido. Felos, choqueiros, troula.
Amor de Artur, Méndez Ferrín
O emprego duns recursos ou doutros é o que configura o “estilo” de cada autor, a súa forma particular de escribir que permite identificar as súas obras fronte ás doutros autores. Así un estilo pode ser, por exemplo, barroco ou sinxelo (segundo lle guste adornar máis os textos ou mostralos máis espidos de adxectivacións), irónico, improvisado, lixeiro...
Todos os textos, os narrativos tamén, presentan unhas especificidades lingüísticas e estruturais que son as que nos axudan a definilos como tales. Neste caso podemos mencionar as seguintes:
- A clase de palabras que máis abunda é o verbo, que é a que usamos para referir accións e procesos. Os tempos verbais aparecen sobre todo en pretérito, aínda que tamén son frecuentes os presentes e copretéritos (tempos narrativos). (Veremos o seu uso con máis detalle ao estudarmos o verbo).
- Predominio das estruturas oracionais predicativas (fronte ás atributivas que son propias da descrición).
Como dixemos máis arriba, é raro que atopemos un texto narrativo puro porque adoito precisamos describir como é aquilo do que se está contando algo, ou o lugar onde acontece... por iso ao carón destas características que acabamos de ver tamén podemos atopar adxectivos, substantivos, outro tipo de conectadores...; que haxa predominancia duns determinados elementos lingüísticos non significa que haxa exclusión dos outros.
* Este tema foi elaborado con contidos do apartado Tipos de textos do Proxecto cotovía. Ligazóns:
- O texto narrativo, a narración literaria 1, a narración literaria 2
Comentários
Enviar um comentário