A violación. Artigo de opinión Teresa Barro. Comentario crítico


A violación

Para xulgar a violación é preciso entender de onde provén e a que responde. A violación xorde das ideas supremacistas que se teñen do que son as mulleres e para que son, e úsase tamén para castigar, torturar e amedrontar.
A violación é como matar e torturar: é reducir un ser humano a nada. Nas guerras é unha das armas que se usan para aterrorizar, asoballar e aldraxar.  Pero non se toma en serio porque forma parte do sistema patriarcal e do supremacismo que ese sistema impón. O patriarcado decretou que o varón tiña superioridade nata sobre a muller, que a muller nacía para servilo e glorificalo, e que sen el non era nada, nen muller sequera. A muller e os fillos son propriedade do patriarca e os varóns teñen direito a posuir ás mulleres e ¨facelas deles¨.  Na mentalidade supremacista criada polo patriarcado, os violadores fanlles un favor ás mulleres que violan, poisque lles ensinan a seren mulleres e fannas sentir o que elas queren sentir e só eles lles poden dar.
Na mentalidade supremacista criada polo patriarcado, os violadores fanlles un favor ás mulleres que violan
A sociedade patriarcal glorificou o órgano sexual masculino, virouno símbolo de poder e agresión, e pintou ás mulleres como carentes de algo que outorgaba superioridade e mando. Desa idea de carencia deduciuse que as mulleres ansiaban acadar plenitude grazas a el. No fondo, portanto, ás mulleres góstalles que as violen. Esa sociedade patriarcal estragou aos varóns e fíxolles crer que, para acadaren virilidade e seren homes, tiñan que levar á práctica as fantasías masturbatorias. Os que usan prostitutas queren crer que esas mulleres sinten pracer con eles e son adoradoras fálicas, e os violadores tamén, porque a sociedade os programou para que pensasen así.
Que no caso da Manada e en moitos outros sexa unha consideración, á hora de xulgar se houbo delito, o de se a muller violada sentira pracer, indica a grande confusión que existe nese terreo e como funciona a mentalidade patriarcal.  Non semella haber consciencia de que, se nun caso de violación en grupo ou en manada, chega a haber orgasmo feminino, é porque o corpo ten reacións automáticas, e iso aumenta mais ainda a humillación que sinte a muller violada.
Non son só os violadores os que precisan reeducarse, senón a sociedade inteira.  As mulleres, especialmente as nais e as mulleres máis vellas, colaboraron co patriarcado e non protestaron das violacións como debían e podían ter feito. Hoxe no mundo hai ainda moitos países nos que, para castigar á unha muller, fan que a viole un grupo de homes, e é habitual que, cando hai guerra e violánse mulleres novas como parte desa guerra, as mulleres mais vellas non as acepten logo na sociedade e presionen para que sexan rexeitadas.
Que no caso da Manada e en moitos outros sexa unha consideración, á hora de xulgar se houbo delito, o de se a muller violada sentira pracer, indica a grande confusión que existe nese terreo e como funciona a mentalidade patriarcal

Os grupos como as Manadas veñen sendo como o Ku-Klux-Klan: son supremacistas, nun caso por superioridade de raza e no outro por superioridade de sexo. Síntense con direito a demostrar esa supremacía perseguindo, torturando, matando  e violando aos ¨inferiores¨. Pero botarlle a culpa á ruindade da natureza humana non sería acertado. O sistema non permitiu que o ser humano estivese ben educado e orientado, e programouno para que ansiase anular e destruir, que era o que conviña para manter a tiranía e o poder duns poucos. A violación é unha das formas mais violentas e desumanas de anular, e debía ser delito moi castigado, pero o fundamental tería que ser cambiar a mentalidade e o sentir da sociedade, que, mentras non cambie e entenda, será tan culpábel como os violadores.

Comentários

Mensagens populares deste blogue

O TEXTO E AS SÚAS PROPIEDADES (ADECUACIÓN, COHESIÓN E COHERENCIA)

A sílaba. Os ditongos, tritongos e hiatos. Repaso de acentuación

¡Soia! Follas Novas Comentario