TEXTO COMENTARIO CRÍTICO Feminino gramatical / feminino real
Feminino gramatical / feminino real
Leo no noso
diario (nº 91): "Cada día do mes de abril Galiza sufriu unha baixa de 54
autónomas" e boto as mans á cabeza. Feminicidio laboral? Axiña me decato,
claro está, de que a penosa cifra se refere a autónomos en xeral e xustamente
boto en falta na información cantos deste gremio en tan dificultosa situación
son mulleres. O mesmo diría de "veciñas" ou de "alcadesas".
Esta escolla gramatical non é só que sexa errónea, é que é equívoca e contraproducente,
pois mesmamente non discrimina, para sabermos en todo caso cantas son mulleres.
Que pasaría se lésemos nos avisos alertadores do tránsito: "X... tantas
mortas na Semana Santa do ano pasado". Lemos: "mortos" e este
nome inclúe homes, mulleres, nenos e vellos, claro está. Igualmente, se
lésemos: "As delincuentes ou as bárbaras que cometeron tal ou cal
atropelo...": por que temos de dar por suposto que son mulleres? Tal uso é
fillo do paternalismo concesivo ou da concesión paternalista tan de moda nos
nosos tempos. Confúndense morfemas con contidos, que é o que importa. Pénsase
que –o é masculino e só masculino e –a feminino e só feminino. Mais
"membro" vale para ambos xéneros, por exemplo, e será o determinante:
o ou a, o que indique o xénero. "Astronauta" é profisión maioritariamente
masculina, por moito que acabe en –a. A lingua non é o código civil ou o penal;
ten normas internas, colectivas, estruturais, que non se poden
"tunear" ao noso gosto. Outra cousa é o goberno do vocabulario e a
necesaria visibilización que defendemos da metade da humanidade, as mulleres.
Por isto dicemos e escrebemos
"amigas
e amigos", "obreiras e obreiros", "autoras e
autores"... Se se utiliza como xeral o feminino gramatical (ignorando que
o aparente masculino é comprensivo de ambos xéneros: outra cousa é que isto se
corresponda no contido co respeito ou atención ás mulleres), dando por elidido
ou suposto o substantivo "persoas", cairemos na redundancia: en
falándomos de accións humanas, de mulleres e de homes estamos a falar, non de
simios ou outro tipo de primates. Somos persoas, claro. De momento... Esta moda
cosmética acredita, maxicamente, no poder fetichista da forma lingüística,
cando o que importa, como dixen, é o contido real a que ela se refere. Eu son
feminista convicta, confesa e declarada, e polo mesmo resúltame desagradábel
que se me usurpe ou confunda a miña condición. Andamos a pendulazos: pasamos da
definición nun dicionario infantil de home como "animal que pensa e
fala" e de muller como "femia do home" (!), pasamos daqueles protestarios
por dar visibilidade ao mundo feminino na linguaxe (cando nunca protestaran
polos habituais "asistenta", "clienta", "xastra",
"gobernanta"...), á xeneralización actual do feminino gramatical que
para nada se corresponde co feminino real. Meus queridos, se xa está cáseque
todo inventado: se é a mesma Rosalía de Castro a que escrebeu "orfos e
orfas", por non falarmos do seu feminismo radical e integral. Escéptica
son verbo do eco destas miñas aseveracións. Observo que as modas actuais axiña
se converten en modos, a diferenza das efémeras da miña mocidade. Vaia por Deus
e polas ánimas…
Pilar
García Negro, Nós Diario 12-05-2020
LIGAZÓN: https://www.nosdiario.gal/opinion/maria-pilar-garcia-negro/feminino-real-feminino-gramatical/20200512064310097422.html?fbclid=IwAR1USTE-yOdMeMfdrFk60_TX9o6cFi1RJ2GgunR6AwSd2Tj04ktzvP-heEo
Comentários
Enviar um comentário