PROSA MEDIEVAL
PROSA MEDIEVAL (Adaptación da Galipedia, a clasificación dos textos é un chisco distinta da do libro de texto.)
Recoméndovos que miredes a do libro de texto, está máis resumida.
Esquema prosa medieval
Recoméndovos que miredes a do libro de texto, está máis resumida.
A prosa galega medieval, ou aínda prosa galego-portuguesa medieval, é o nome da literatura producida na Idade Media. Aínda que a narrativa galego-portuguesa medieval non alcanza os momentos de esplendor da lírica, non deixa de ser certo que presenta un volume de textos que demostra tanto unha perfecta relación coas correntes dominantes na Europa da época como a presenza dun normal desenvolvemento da lingua (que se verá truncado polas circunstancias socio-históricas que concorren na fin da Idade Media). Deste xeito, cómpre indicar que contamos cun importante legado de prosa galega -ou galego-portuguesa- medieval que está a ser revalorizado pola crítica actual.
Algúns estudosos medievalistas fan unha clasificación cronolóxica en dous períodos: galego-portuguesa (séculos XIII e XIV) e prosa galega e prosa portuguesa (século XV).
Clasificación temática
Haxiografía (textos sobre santos)
O obxectivo da literatura haxiográfica é rexistrar a vida exemplar e os milagres realizados polos santos, co obxecto de glorificalos e de servir de modelo de comportamento para os lectores.
O principal protagonista da prosa haxiográfica en galego é o Apóstolo Santiago. O texto fundamental é Miragres de Santiago, versión reducida do Liber Sancti Iacobi ou Codex Calixtinus, que está conservado nun códice fragmentario do primeiro terzo do século XV.
Prosa de ficción ou novelesca
Prosa derivada do roman francés nacido na segunda metade do século XII, a prosa de ficción medieval en galego ten dúas temáticas principais:
- O Ciclo Bretón ou Materia de Bretaña: textos sobre o rei Artur e os cabaleiros da mesa redonda. Destaca un fragmento dun Livro de Tristán, do terceiro cuarto do século XIV, Ademais, consérvanse textos relacionados coa chamada Vulgata arredor do mundo do Graal; isto é, contamos con versións da primeira e terceira parte da mesma -O Libro de Xosé de Arimatea e a Demanda do Santo Graal- así como uns pequenos fragmentos da segunda parte, o Merlín.
- O Ciclo troiano ou clásico: textos sobre o mundo clásico greco-latino, sobre todo da historia de Troia. O maior representante é a Crónica troiana, versión en galego do Roman de Troie. É a primeira grande obra de ficción en galego (aínda que fose unha tradución do castelán), na que se narra a destrución de Troia partindo de textos clásicos.
Historiografía
Este tema estivo vinculado durante os séculos alto e pleno-medievais coa cidade compostelá, inventio do sepulcro apostólico, e coa confirmación da igrexa e da catedral que xurdiron ao seu carón; e na Baixa Idade Media, coa consolidación dos reinos de León e Castela. As obras máis salientábeis desta primeira etapa son o Cronicón Iriense, escrito no último terzo do século XI, e dúas obras realizadas na escola catedralicia compostelá, creada polo primeiro arcebispo de Santiago, Diego Xelmírez: a Historia Compostelá, crónica do seu pontificado (1112-1139) e o Códice Calixtino, guía de peregrinación a Santiago (1140-1150) e xermolo da tradición haxiográfica que deu lugar ás traducións baixomedievais dos Miragres de Santiago e do Flos Sanctorum ou Legenda Aurea.[4]
Os inicios da historiografía en lingua galega están, como é natural, relacionados con Afonso X, quen, aínda que apostou polo castelán como lingua de cultura, promoveu a tradución a outras linguas peninsulares de varios textos.
De finais do século XIII é unha tradución ao galego dunha Crónica de Castela, que vai ademais precedida por unha xenealoxía real navarra, coñecida como Liber Regum e acompañada dun resumo do reinado de Fernando III e sucesores, e outros textos menores. O texto resultante é coñecido como Crónica galega de León e Castela. Trátase dun dos textos en prosa máis arcaicos que se coñecen e é a base para importantes textos portugueses como a Cronica geral de 1344 e, sobre todo, a Crónica de 1404 (data da súa finalización), un dos poucos textos en prosa escritos orixinalmente en galego (aínda que conserva nos seus inicios o arranque orixinal en castelán). Tamén son salientábeis a Crónica de San Fernando (1309), e a Crónica Galega de 1404, que relata as orixes do mundo, a historia dos pobos da Antigüidade e os acontecementos hispánicos dende a chegada dos visigodos.[5]
De carácter biográfico e eclesiástico é a Gesta Berengarii de Landoria, anterior a 1322, que narra o levantamento dos composteláns contra o arcebispo Berenguel de Landoira e da que se conserva fragmentos dos séculos XIV e XV.[6]
Consérvase tamén unha tradución incompleta da General Estoria afonsina e unha Crónica de Santa María de Iria (1468), tradución de dúas fontes latinas.
Outros
Finalmente, poderíase incluír un cuarto apartado misceláneo: moita documentación de prosa tabeliónica (testamentos, herdanzas...), prosa xurídica (Flores de Dereito, traducións das Partidas de Afonso X, Ordenamento de Alcalá de Henares de 1348, Foro real, Recuento de las casas antiguas del Reino de Galicia de Vasco da Ponte...) e outros escritos como o Tratado de Albeitaria, Livro da Montaria, Livro dos cabaleiros cambeadores de Santiago etc.
Así pois, todo este conxunto vén demostrar a presenza e o progreso dunha literatura galego-portuguesa en prosa ao longo do espazo medieval da que é preciso aínda levar adiante unha análise pormenorizada. Tanto o valor literario dalgúns textos como esoutro histórico-lingüístico resultan fundamentais nunha perspectiva diacrónica das letras galegas.
Esquema prosa medieval
Comentários
Enviar um comentário