O PRONOME PERSOAL

 

O pronome persoal (cotovia.org)

Neste repaso que andamos a facer polos tipos de palabras cos que contamos na lingua, ímonos agora parar na última categoría pertencente ao grupo das palabras variables: o pronome persoal.
Xa vimos no seu momento que o pronome é unha especie de comodín, é dicir, un tipo de palabra que serve para, chegado o caso, poder colocala no lugar dun substantivo, que se cadra xa utilizamos varias veces e non queremos seguir repetindo. Tamén vimos que existen dous tipos de pronomes: os que comparten as súas formas cos adxectivos determinativos (demostrativos, posesivos, indefinidos, numerais, relativos, interrogativos e exclamativos) que chamamos xenericamente “pronomes non persoais” e os pronomes persoais. E por que establecemos estes dous grupos? Vémolo a continuación:

 

Caracterización dos pronomes persoais

Os pronomes persoais son palabras variables que empregamos para referirnos ás tres persoas do discurso ( a quen fala, a quen escoita e a aquela persoa ou cousa da que se fala).

Fronte ao resto dos pronomes, os persoais caracterízanse por:

  • Nunca poden funcionar como adxectivos. Deste xeito, mentres que formas como “este” poden ser adxectivos ou pronomes (esta película é moi entretida # esta é un aburrimento) os persoais como “eu” só poden ser pronomes.
  • O seu significado sempre é o mesmo: Se están en 1º persoa o seu significado é “ a persoa que está falando”; se esta en 2ª persoa quere dicir: “quen me está escoitando”; e se está en 3ª persoa significa: “aquela cousa ou persoa da que estou falando”.

Aínda que isto vos poida parecer estraño tedes que ter en conta que o que varía son os referentes (as persoas concretas a quen se refire) pero non o significado das formas pronominais. Deste xeito, independentemente de que a persoa que estea falando sexa Ana, Pedro ou Manuel  en “eu canto” “eu” ten sempre o significado “a persoa que está falando”.

  • Temos dúas series diferentes, dependendo de se son formas tónicas (con acento propio) ou formas átonas (sen acento propio).

Por outra banda, igual ca outros tipos de pronomes:

  • Son variables en xénero, número e persoa e presentan formas diferentes para marcar estas variacións.


As formas do pronome persoal

Como dixemos antes, as formas do pronome persoas organízanse en dúas series diferentes: os pronomes tónicos e os pronomes átonos.
Os termos “tónico” e “átono” usámolos para indicar se a palabra á que nos estamos referindo ten intensidade (acento) ou se precisa apoiarse noutra palabra porque non ten a forza suficiente para ser pronunciada de forma illada. Se te fixas verás que pronomes como “eu” ou “ti” sempre os escribimos separados, mentres que outros como “me” ou “che” por veces van pegados ao verbo formando unha única palabra para  os efectos de pronunciación (Eu pídoche que quedes); a razón é que os primeiros son tónicos mentres que os segundos son átonos.


Formas tónicas:

 1ª persoa2ª persoa3ª persoa
 SuxeitoCon prep.SuxeitoCon prep.SuxeitoCon prep.
SingularEuMin
Comigo
Ti
Vostede
Contigo
Ti,
Vostede
El / ElaSi
Consigo

El, Ela
PluralNós
Nosoutros Nosoutras
Connosco
Nós
Nosoutros
Nosoutras
Vós
Vosoutros Vosoutras Vostedes
Convosco
Vós,
Vosoutros,
Vosoutras
Eles / ElasSi
Consigo

Eles, Elas

Sobre o uso destas formas, debes de ter en conta o seguinte:

  • As formas vostede e vostedes, aínda que son de 2ª persoa (refírense a quen escoita) concordan co verbo en 3ª porque son formas de cortesía:  Vostede é moi amábel ao dicir iso.
  • As formas nosoutros/as e vosoutros/as teñen carácter máis restritivo ca nós e vós, refírense a un grupo do que se exclúe a todos os que non pertencen a el (no grupo de aula, por exemplo,  “nosoutros” poder referirse só ao alumnado e “nós” incluiría tamén o profesor: Profe, a nós tócanos ir agora pero nosoutros preferimos ir mañá).
  • As formas do pronome de 3ª persoa el (es) /ela (s) contraen obrigatoriamente coas preposicións en e de:  Del non me fío, dela si.


Formas átonas

 1ª persoa2ª persoa3ª persoa
 C. DirectoC. IndirectoC. DirectoC. IndirectoC. DirectoC. Indirecto
SingularMeTeCheO (lo, no)
A (la, na)

Se
Lle
PluralNosVos
Os (los, nos)
As (las, nas)
Se
Lles


Sobre o uso destas formas debes reparar en:

  • Cando van colocadas despois do verbo escríbense pegadas a el, formando unha soa palabra a nivel de acentuación. Así, por exemplo: Díxome que non viña.
  • As formas que usamos para o complemento directo na 3ª persoa son o, a, os, as, mais alternan coas outras variantes do seguinte xeito:
    • As formas lo, la, los, las empréganse despois de formas verbais conxugadas rematadas en –s, despois de infinitivo ou despois dos pronomes nosvos e lles.
    • As formas no, na, nos, nas empréganse despois de formas verbais rematadas en ditongo.

Fíxate:

 

 

  • As formas de 3ª persoa de complemento indirecto  (lle, lles) diferéncianse segundo se refiran a unha soa persoa (lle) ou a varias (lles). En parte de Galicia só se emprega a forma lle para ambos os casos; isto é aceptable no rexistro coloquial mais na lingua estándar débese facer a diferenza:  

    Díxenlles   a meus pais que a reunión é martes pero   a meu irmán  dixéronlle mércores, vaia lío formamos entre todos!

  • Nas formas de 2ª persoa singular diferenciamos te /che segundo sexa c. directo ou indirecto, mais esta distinción é anulada nalgunhas zonas dialectais dando lugar ao cheísmo ou ao teísmo. Estas particularidades non poden empregarse na variedade estándar, aínda que si no rexistro coloquial nas zonas onde sexa propio.

  • Se, é a forma que se emprega como reflexiva na 3ª persoa, na 2ª e na 1ª hai que usar as formas de c. directo: Asusteime ao velo, Metícheste nunha boa!, Atreveuse ela soa.

  • As formas de c. indirecto de 2ª persoa che e vos (e de 3ª como forma de respecto) empréganse habitualmente como pronomes de solidariedade coa intención de conseguir a implicación afectiva da persoa á que se lle está falando:
  •  

    Aínda que a súa ausencia non altera o significado da secuencia, debemos procurar usar o pronome de solidariedade, sobre todo no rexistro coloquial, que é cando se dan as condicións de familiaridade precisas. Estas formas, que son propias da lingua galega e non se empregan nas linguas veciñas, engaden na conversa un matiz afectivo moi característico da nosa lingua.

  • Cando na mesma secuencia coinciden dúas formas átonas (unha de C. indirecto e outra de C. directo) sempre vai primeiro a de C. indirecto e ademais fórmanse as seguintes contraccións:
OAOSAS
MEmomamosmas
CHEchochachoschas
LLEllollallosllas
NOSnolonolanolosnolas
VOSvolovolavolosvolas
LLESllelollelallelosllelas

 

A colocación dos pronomes átonos


Como dixemos antes, ás veces os pronomes átonos van colocados despois do verbo (e escríbense pegados a el) e outras van colocados antes. Pero isto non é optativo, existen unhas regras que son as que rexen esta posición; unhas regras que traen de cabeza aos que non están acostumados a falar en galego,  mais que non supoñen ningún problema para a maioría dos falantes porque xa os usan ben de seu, sen necesidade de estudaren ningunha regra. Con todo, para quen as precisar, estas son as máis básicas:
Xeralmente o pronome vai colocado despois do verbo pero hai unha serie de situacións que obrigan a colocalo antes:

  • Cando a secuencia comeza por “que” ou “porque”. 
    Compara:Seino euÉ así porque o sei eu
  • Nos enunciados negativos: 
    Compara:Déixocho verNon  cho deixo ver

  • Nas cláusulas desiderativas:
    Compara:Vereite prontoOxalá te vexa pronto

  • Cando antes do verbo hai un adverbio (aínda que hai bastantes excepcións):
    Compara:AvisárachoXa  cho avisara

  • Cando antes do verbo hai un pronome interrogativo ou exclamativo:
    Compara:Queríao!Canto o quería!

  • Cando antes do verbo hai algún pronome indefinido:
    Compara:Quérenlle benTodos lle queren ben

  • Nas perífrases verbais ten liberdade de colocación:
     Heicho de dar
    Hei de cho darHei darcho


Sen dúbida, a colocación dos pronomes é unha das maiores dificultades que existen para quen quere expresarse en galego, mais é un dos aspectos que máis debemos coidar porque serve para definir o nivel de lingua que posúe unha persoa. É certo que se cadra ao principio hai que tirar de regras para facelo medianamente ben e isto resulta  pesado, mais tamén é verdade que se se fai chegará o momento en que xa se colocará ben de forma natural (xa sabedes que a falar apréndese falando).

Comentários

Mensagens populares deste blogue

O TEXTO E AS SÚAS PROPIEDADES (ADECUACIÓN, COHESIÓN E COHERENCIA)

A sílaba. Os ditongos, tritongos e hiatos. Repaso de acentuación

¡Soia! Follas Novas Comentario