Os determinantes/Pronomes I: demostrativos e posesivos
Os determinantes (adxectivos determinativos) son tipos de palabras variables en xénero e número (algúns tamén con respecto a outras nocións) que acompañan a substantivos para concretalos pero que, ademais, achegan algunha información sobre el: a quen pertence, onde está situado, cantos son...
Precisamente segundo o significado que posúan, distinguimos varios tipos de adxectivos determinativos:
-
Os demostrativos
-
Os posesivos
-
Os numerais
-
Os indefinidos
-
Os relativos
-
Os interrogativos-exclamativos.
Na maior parte dos casos, este tipo de palabras poden ser empregados, ademais de como determinantes, como pronomes, é dicir, que poden acompañar un substantivo concretándoo ou ben substituír o propio substantivo. Fíxate: Estes libros gustáronme moito pero eses son aburridísimos; estes é un adxectivo porque acompaña a libros mentres que ese é un pronome porque o substitúe; o mesmo ocorre en, por exemplo: Os meus pais son moi simpáticos pero os teus parecen moi estritos, Quero tres entradas, non dúas...
Os demostrativos
Como xa se dixo, diferéncianse polo seu significado que neste caso fai sempre referencia ao lugar que ocupa o substantivo, sexa esta localización espacial ou temporal (Este gato ten unha ferida /Este ano non sairemos de vacacións), ou incluso á localización no discurso (Este tema do que vou falar...).
As formas do demostrativo varían en xénero e número e tamén dependendo da proximidade ou afastamento que haxa entre o obxecto referido e mais a persoa que fala e/ou escoita (este, esa, aqueles).
Aínda que calquera das formas dos adxectivos demostrativos poden funcionar tamén como pronomes hai, ademais, unhas formas específicas que só teñen esta función pronominal (isto, iso, aquilo). Estas formas carecen de variación de xénero e número.
As formas
Singular | Invariable | Plural | |||
---|---|---|---|---|---|
Masc | Fem | Masc | Fem | ||
Proximidade ao falante | este | esta | isto | estes | estas |
Proximidade ao oínte | ese | esa | iso | eses | esas |
Afastamento | aquel | aquela | aquilo | aqueles | aquelas |
As contraccións
Todas as formas do demostrativo contraen (na fala e na escrita) coas preposicións EN e DE, dando lugar ás formas seguintes:
EN | DE | ||
---|---|---|---|
neste(s) | nesta(s) | deste(s) | desta(s) |
nese | nesa | dese(s) | desa(s) |
naquel(es) | naquela(s) | daquel(es) | daquela(s) |
nisto niso naquilo |
disto diso daquilo |
Outros usos do demostrativo
-
Aquel e aquela adoitan usarse, na linguaxe oral e nun rexistro informal, como substantivos que significan unha ou outra cousa segundo o contexto. O rapaz ten un aquel (certo encanto).
Incluso se forma sobre este “substantivo” o verbo aquelar ou aqueloutrar e desaquelar con significados como 'arranxar, achegar, preocupar...' Hai que aquelar a televisión, que non se ve.
- Daquela emprégase como adverbio de tempo (Daquela aínda ti non naceras) ou como conxunción consecutiva (Estudaches?, daquela seguro que aprobas).
- Nisto, niso, nestas, nesas, utilízanse como adverbios de tempo co significado de 'entón': (Estaba chorando e nisto botou a rir).
Os posesivos
Son posesivos todas aquelas formas que concretan ou presentan o substantivo achegándolle un significado de pertenza ou familiaridade (o meu caderno, a túa irmá).
Pódese prescindir do artigo acompañando o posesivo só cando se trata dunha relación de parentesco próxima ou cando forma parte dun vocativo (Meu pai non vai / Meu neno, mancácheste?)
Na maior parte dos casos, o adxectivo posesivo precisa ir precedido dun artigo (A miña opinión é favorable).
As formas do adxectivo posesivo varían, ademais de en xénero e número, dependendo da persoa gramatical a quen se refiran (meu, teu, seu) e tamén do número de posuidores (meu/noso).
Como é habitual neste tipo de palabras, as mesmas formas desempeñan as funcións de adxectivo determinativo ou de pronome, dependendo de se acompañan ou substitúen o substantivo.
As formas
Son as seguintes:
1ª persoa | 2ª persoa | 3ª persoa | |||||
---|---|---|---|---|---|---|---|
Masc | Fem | Masc | Fem | Masc | Fem | ||
Un posuidor | Sg | meu | miña | teu | túa | seu | súa |
Pl | meus | miñas | teus | túas | seus | súas | |
Varios posuidores | Sg | noso | nosa | voso | vosa | seu | súa |
Pl | nosos | nosas | vosos | vosas | seus | súas |
Outros usos do posesivo
-
Pertenza exclusiva ou calidade específica. Teñen este significado as formas: de meu, de teu, de seu, de noso, de voso (sempre en masculino singular):
- María xa ten coche de seu, que llo regalaron seus pais por rematar a carreira (significa que é propiedade dela).
- Non llo tomes a mal, Luís é bromista de seu (é así por por natureza). -
Posesivo distributivo. É a contracción entre CADA e os posesivos de 3ª persoa: cadanseu(s), cadansúa(s). Emprégase cando se queren distribuír de maneira equitativa varios obxectos entre varias persoas. O posesivo distributivo acompaña sempre a cousa que se distribúe:
- Regaleilles cadansúa entrada ás miñas sobriñas (Regaleille unha entrada a cada nena)
-
Outros significados:
-
O meu, o teu, o seu: o que a un lle gusta, o que se lle dá ben, os asuntos propios ( O meu non son as matemáticas / El sempre anda ao seu).
- Os meus, os teus, os seus: a súa familia, os que son coma el (Cada un ten que estar cos seus)
- Meu: úsase como vocativo como sinónimo de “amigo” (Mira, meu, eu paso de ir)
- O meu, o teu, o noso, o voso, o seu: úsanse con valor ponderativo para indicar moita cantidade (Este ano leva chovido o seu)
- As túas, as súas, as nosas: emprégase co significado de “falcatruada” (Xa está Xurxo a facer das súas).
Tanto os posesivos como os demostrativos son palabras de moita rendibilidade na lingua xa que as frases das que forman parte (frases nominais ou frases substantivas) úsanse con frecuencia nos textos expositivos. Así, os demostrativos sérvenche, por exemplo, para relacionar partes dun texto, por exemplo: isto que acabo de dicir...// isto é... E os posesivos tamén os vas empregar en expresións como Segundo a miña opinión // no meu parecer...”
Cotovía.org (modifiquei a terminoloxía)
Comentários
Enviar um comentário