O artigo
O artigo
Os artigos son tipos de palabras variables en xénero e número, que carecen de significado e que concretan un substantivo facendo que en cada acto de fala non nos refiramos a unha idea abstracta senón a un obxecto concreto.
Existen dous tipos diferentes de artigos: os artigos determinados e os artigos indeterminados.
Os artigos determinados son aqueles que empregamos cando nos referimos a un obxecto, idea... que está presente no contexto. Mentres que os artigos indeterminados usámolos cando nos referimos a obxectos ou ideas que non están presentes no contexto. Repara na diferenza: A noticia do xornal xa está na boca de todos / No xornal vén unha noticia que asusta, no segundo caso a noticia aínda é descoñecida polo interlocutor mais no primeiro enténdese que xa se coñece por emisor e receptor.
Como dixemos arriba, o artigo precede o substantivo, pero ás veces son outro tipo de palabras as que o seguen (verbos: O fumar non é moi aconsellable, adxectivos cualificativos: O verde non che senta ben...), nestes casos dicimos que ese tipo de palabras están substantivadas.O artigo determinado
As formas
As formas que se usan para o artigo son as seguintes:
Singular | Plural | |
---|---|---|
Maculino | o | os |
Feminino | a | as |
Tamén existe a posibilidade de empregar (despois de verbos, dalgúns
pronomes persoais e algúns adxectivos indefinidos rematados en –r ou –s)
as chamadas “segundas formas do artigo”: lo, la, los, las. Mais estas formas só son de uso obrigatorio cando van despois da preposición POR, coa que contraen (Polo momento é todo...), ou detrás do adverbio interrogativo U (U-la solución?).
Igual que noutros idiomas, coma o francés, a lectura non sempre coincide coa escrita: así pois, escribiremos, por exemplo: "facer os exercicios", mais pronunciaremos [facélos exercicios].
As contraccións
Cando as formas do artigo van seguidas de determinadas palabras prodúcese a contracción nunha única forma. Nalgúns casos esa contracción dáse na fala e tamén na escrita, é o que sucede cando o seguen as seguintes preposicións:
Prep
Art |
A | CON | DE | EN | POR |
---|---|---|---|---|---|
O | ao / ó | co | do | no | polo |
A | á | coa | da | na | pola |
OS | aos / ós | cos | dos | nos | polos |
AS | ás | coas | das | nas | polas |
Porén, coa conxunción copulativa CA pódese optar por escribir as formas separadas ou contraídas: ca a (cá), ca o (có), ca as (cás), ca os (cós) (É máis incerto ca o prognóstico do tempo ou é máis incerto có prognóstico do tempo).
Tanto no caso da contracción con CA como da contracción con A, estas deben realizarse sempre na fala, aínda que na escrita se escriban as formas plenas
Outros usos do artigo determinado
-
É moi frecuente o uso de artigo acompañando substantivos propios, tanto que sexan topónimos ( A Estrada, A Coruña, O Carballiño...) como antropónimos (O Alberte non se presenta ao concurso!). No primeiro caso é obrigatorio, mais no segundo é opcional e o seu uso implica un maior grao de familiaridade ou proximidade coa persoa. Tanto nun caso coma noutro, se o artigo vai despois de preposición prodúcese a contracción correspondente (Veño da Coruña e vou camiño ao Ferrol).
- Tamén é frecuente o uso do artigo precedendo aos interrogativos cal e que, non só para preguntar senón tamén para mostrar estrañeza: (o que, ho? ).
O artigo indeterminado
As formas
As formas do artigo indeterminado son as seguintes:
Singular | Plural | |
---|---|---|
Maculino | un | uns |
Feminino | unha | unhas |
Estas formas coinciden coas formas correspondentes dos adxectivos determinativos numerais e indefinidos e non sempre é fácil distinguilos, sobre todo do indefinido. Convén lembrar que cando é un artigo carece de significado, mentres que cando é un adxectivo determinativo si que o ten. Fíxate: Vin unha noticia no xornal que me sorprendeu, unha non é un numeral porque non se refire a unha unidade (non é unha fronte a dúas) e tampouco é un indefinido porque non se refire a unha identidade imprecisa (non se refire a unha calquera).
As contraccións
Cando as formas do artigo van seguidas de determinadas palabras prodúcese a contracción nunha única forma. Nalgúns casos esa contracción dáse na fala e tamén na escrita, é o que sucede cando o seguen as seguintes preposicións:
Prep
Art |
CON | DE | EN |
---|---|---|---|
UN | cun | dun | nun |
UNHA | cunha | dunha | nunha |
UNS | cuns | duns | nuns |
UNHAS | cunhas | dunhas | nunhas |
Tanto os artigos determinados coma os indeterminados desempeñan sempre a función de Determinante no seo dunha frase nominal, é dicir, que son as palabras que nos posibilitan que utilicemos os substantivos para podermos expresar as nosas ideas nos actos de fala concreto, e, polo tanto, son imprescindibles na construción dos nosos textos, tanto orais coma escritos.
Comentários
Enviar um comentário