Determinantes/Pronomes II: numerais, indefinidos, relativos, interrogativos-exclamativos.


Lembra que os determinantes ou adxectivos determinativos son tipos de palabras variables en xénero e número (algúns tamén con respecto a outras nocións) que  acompañan a substantivos para concretalos pero que, ademais, achegan algunha información sobre el: a quen pertence, onde está situado, cantos son...

Precisamente segundo o significado que posúan, distinguimos varios tipos de adxectivos determinativos:

  • Os demostrativos

  • Os posesivos

  • Os numerais

  • Os indefinidos

  • Os relativos

  • Os interrogativos-exclamativos.


Os numerais


Son numerais as formas que empregamos para presentar substantivos contables ofrecendo información sobre cantidade ou orde (Teño tres cans, O terceiro coche está mal aparcado).

Algunhas das formas son variables en xénero e número (un cuarto, dous cuartos, a cuarta parte, tres cuartas partes), outras só en xénero (dous, dúas) e outras son totalmente invariables (tres).

Os adxectivos numerais tamén comparten as súas formas cos pronomes do mesmo nome ( Teño tres cadernos pero só preciso un).

Nos textos escritos os numerais adoitan escribirse con letras, salvo as datas. Porén, nos textos científicos e matemáticos empréganse cifras.

 

Subtipos

Segundo o seu significado distinguimos catro subtipos:

  • Cardinais: Indican a cantidade exacta (un, dous, nove, dezaseis, corenta, oitenta, cincocentos/quiñentos...). A partir de vinte, escríbense como palabras separadas (vinte e un, trinta e nove, cincuenta e seis...) pero na fala pronúncianse coma unha única palabra ( [corentέdous, noventέcatro...]).

  • Ordinais: Indican a orde que un substantivo ocupa nunha serie. Son variables en xénero e número. As súas formas son:

    primeiro/a undécimo/a-décimo primeiro/a
    segundo/a duodécimo/a-décimo segundo/a
    terceiro/a décimo terceiro/a
    cuarto/a ...
    quinto/a vixésimo/a
    sexto/a trixésimo/a
    sétimo/a cuadraxésimo/a
    oitavo/a ...
    noveno/a centésimo/a
    décimo/a milésimo/a
      Realmente, a partir de dez adoitamos non escribilos senón que os substituímos pola cifra seguida dos símbolos º ou ª: (11ª edición, 48º aniversario...). Na fala dicimos o ordinal completo, aínda que nas cantidades altas case sempre se emprega só o cardinal (Chegou no posto 159 é máis frecuente ca Chegou na posición centésimo nonaxésimo novena).
    Nalgúns casos (nomes de reis, indicación de séculos ou de capítulos) escribimos a cifra pero en números romanos: Capítulo V, Afonso VII....
  • Multiplicativos: serven para indicar o número de veces que se repite algo (Teño o dobre de problemas ca ti). Son formais variables en canto a xénero e número (agás dobre).

    As formas son: dobre (duplo/a), triplo/a, cuádruplo/a, quíntuplo/a, séxtuplo/a, séptuplo/a, óctuplo/a, nónuplo/a, décuplo/a. Realmente a maior parte das veces emprégase o cardinal seguido do substantivo veces (Teño dez veces máis problemas ca ti).
  • Partitivos: Son os que serven para indicar unha parte dun todo. A maioría son variables en canto a xénero e número (medio, media...).

    Existen formas específicas para os números un a dez, que son as seguintes: medio (metade), terzo, cuarto, quinto, sexto, sétimo, oitavo, noveno, décimo. A partir de dez fórmanse engadindo a terminación –avo/-ava aos cardinais (doceavo, vinteava...) ou tamén usando os ordinais seguidos da palabra parte ( a centésima parte).

 

Outros usos

Determinadas formas empréganse como substantivos colectivos aínda que o seu significado é numeral: parella, par, trío, cuarteto...

 

Os indefinidos


Os indefinidos son os que actualizan os substantivos referíndose a algunha cantidade sen delimitala con exactitude ou a algún membro dun grupo sen identificalo.

En canto á forma poden ser:

  • Variables en xénero e número: certo(s)/certa(s).
  • Variables só en xénero: varios / varias.
  • Variables só en número: tal /tales.
  • Totalmente invariables: máis.

Algúns adxectivos indefinidos coinciden na forma con adverbios (moito, máis, menos, ben, bastante...). Cómpre lembrar que cando son adxectivos indefinidos acompañan un substantivo, cousa que non ocorre cando son adverbios. Compara: Teño bastante traballo / Comín bastante.

Tamén teñen diferente comportamento sintáctico xa que algunhas formas poden ser adxectivos determinativos ou pronomes (Ten moitos libros pero algúns non os leu) mentres que outras sempre son pronomes (Ninguén sabe máis ca el).

 

Subtipos

Adoitan establecerse dous subgrupos:

  • Cuantificadores: Son os que indican cantidade imprecisa: varios/as, pouco(s)/pouca(s), bastante(s), abondo(s)/abonda(s), nada (ren)...

  • Identificadores: Son os que se refiren a alguén sen concretar quen exactamente: alguén, algún(s)/algunha(s), quenquera, tal(es), certo(s)/certa(s)...

 

Os relativos


Os relativos son palabras que utilizamos para falar de algo do que xa se falou previamente.

En realidade só existe un  relativo que é a forma cuxo, cuxa, cuxos, cuxas. Utilízase para actualizar un substantivo que garda relación con outro do que xa se falou previamente ou do que se vai falar a continuación. Fíxate, en: O tema, cuxo contido desenvolveremos máis tarde, resulta moi interesante. Realmente aquí únense dúas ideas:  a primeira é O tema ten un contido moi interesante e a segunda é  Ese contido resolverémolo máis tarde. Ao utilizarmos “cuxo” o que facemos é xuntar os dous enunciados nun só.

Polo tanto, os relativos teñen dúas funcións, por un lado son adxectivos relativos (ou pronomes) pero por outro funcionan como conectadores porque serven para enlazar dúas ideas.

En realidade, as formas cuxo, cuxa, cuxos, cuxas non son de emprego frecuente na lingua, só se adoitan empregar no nivel culto; habitualmente preferimos usar perífrases como O libro ten un contido moi interesante, que xa desenvolveremos máis tarde. O que si se usa con frecuencia son outros relativos que, a diferenza da forma vista, non son adxectivos senón pronomes. Pero estudarémolos agora igualmente.

As formas

  • Quen: Úsase cando a palabra á que substitúe (antecedente) é unha persoa: Quen o dixo foi o alumno da dereita. É unha forma invariable, polo tanto non ten plural  ( Quen o fixo foi elQuen o fixeron foron eles).

  • Que (o que, a que, os que, as que): Moitas veces emprégase substituíndo a “quen”: (Os que o fixeron foron eles).

  • Cal (o cal, a cal, os cales, as cales): Ten os mesmos usos ca “que” pero é máis literario; na fala ou en textos informais é preferible non abusar desta forma, que  é correcta en expresións como Púxonos o exame mañá, o cal non me parece ben,  pero é preferible non usala en casos como Vin un home o cal tiña un can.

 

Interrogativos e exclamativos


Os interrogativos actualizan os substantivos preguntando pola súa  identidade, a cantidade. Os exclamativos, pola súa parte, presentan o substantivo resaltándoo e mostrando sorpresa, estrañeza, desexo...

Realmente o adverbio interrogativo U ten o significado de “onde está” e na actualidade emprégase apenas na literatura: U-la razón da existencia?

As formas dos interrogativos e dos exclamativos coinciden coas dos pronomes relativos mais, a diferenza daqueles,   poden ser tanto adxectivos coma pronomes ( Que razón tes!,  Cal queres?).

Ademais de que, quen e cal, úsanse como interrogativos e exclamativos as seguintes formas:

Tanto as formas interrogativas coma as exclamativas escríbense sen til, unicamente é posible poñérllelo cando nunha interrogativa indirecta se puidera producir unha confusión entre a forma do interrogativo e outra palabra que se escribise igual: (Preguntoume que qué hora teño).
Canto(s)/canta(s) (como adxectivo ou pronome) e como, cando, onde e u (que realmente funcionan como adverbios).

Moitas veces o relativo “que” (sexa como pronome ou como adxectivo) vai precedido da preposición “Por”. É un dos sistemas máis empregados para realizar preguntas:

  • Por que non vés? (prep. + pronome)
  • Por que motivo non vés? (prep. + adx.)

A resposta a esta pregunta dáse coa conxunción “porque” que, como só é unha palabra, escríbese xunta mentres que na pregunta, como son dúas, escríbense separadas.

  • Por que non vés?
  • Porque non me deixan

Como puideches comprobar, ás veces unha única palabra pode ter varias funcións porque a lingua tende a economizar e a “reutilizar” os seus elementos. Polo tanto, non se trata de que memorices listas con tipos de adxectivos ou de pronomes senón de que, en cada caso, reflexiones sobre o significado que posúe, se é ou non variable, a quen está acompañando, cal é o papel que desempeña na frase... e deste xeito, pensando, saberás para que serve cada forma e cal é a máis axeitada para usares en cada ocasión. 

Cotovía.org (modificado)

Comentários

Mensagens populares deste blogue

O TEXTO E AS SÚAS PROPIEDADES (ADECUACIÓN, COHESIÓN E COHERENCIA)

A sílaba. Os ditongos, tritongos e hiatos. Repaso de acentuación

¡Soia! Follas Novas Comentario