O SUBSTANTIVO E O ADXECTIVO. CARACTERIZACIÓN MORFOLÓXICA E SEMÁNTICA

 

O substantivo e o adxectivo
 

1. Introdución

O substantivo é unha clase de palabra que designa entidades do mundo: seres vivos (sapoconcho, amigas…), cousas inanimadas (libro, paraugas…) ou conceptos abstractos (amizade, intolerancia…).

O adxectivo é unha clase de palabra que expresa características atribuídas a elementos designados polos substantivos aos que acompañan.

Morfoloxicamente, o substantivo e o adxectivo caracterízanse por presentar morfemas flexivos de xénero e número. No caso do adxectivo, ten que concordar sempre co substantivo ao que acompaña.

2. O xénero

2.1. Substantivos dun só xénero

Son substantivos invariables en canto ao xénero. Pertencen exclusivamente ou ben ao masculino (o caderno, o amor) ou ben ao feminino (a amizade, a chave). Lembra que en galego... 

 

Son femininos…

  • A maioría das árbores froiteiras e os seus froitos. Ex.: a cerdeira / a cereixa, a laranxeira / a laranxa, a nogueira / a noz… Excepcións: a figueira / o figo, o limoeiro / o limón…
  • Os substantivos acabados en -a. Ex.: a aguia, a alma, a auga, a pantasma, a reuma… Agás: o clima, o día, o mapa, o planeta, o diadema, o fantasma
  • Os substantivos terminados en -ade. Ex.: a idade, a liberdade, a puberdade, a mortaldade…
  • Os substantivos rematados en -axe. Ex.: a paisaxe, a tatuaxe, a viaxe Excepto: o traxe, o paxe, o garaxe. Personaxe pode ser masculino ou feminino.
  • Os substantivos rematados en -se, -ite. Ex.: a análise, a tese, a otite, a elite… Agás: o convite, o interese…
  • Outros substantivos como: a árbore, a ave, a canle, a calor, a dor, a ferruxe, a orde, a ponte, a síndrome, a suor…

Son masculinos...

  • Os nomes de letras, números, océanos, mares, ríos e puntos cardinais. Ex.: o a, o efe, o sete, o Atlántico, o Adriático, o Miño, o noroeste…
  • Os substantivos rematados en -i. Ex.: o convoi, o penalti…
  • Os substantivos rematados en -o. Ex.: o arbusto, o riso, o xogo… Excepto: a foto, a moto, a tribo, a dínamo…
  • Os substantivos rematados en -ote. Ex.: o bote, o dote, o lote… Excepto: a glote
  • Os substantivos rematados en -u. Ex.: o bambú, o chapeu, o pau, o xampú…
  • Os substantivos rematados en -me. Ex.: o arame, o crime, o cume, o exame, o fume, o lume, o legume, o costumeExcepto: a fame, a síndrome
  • Os substantivos rematados en -t, -g, -f, -h, -k… (estranxeirismos): o test, o cámping, o anorak, o ballet…
  • Outros substantivos como: o berce, o labor, o leite, o mel, o nariz, o sangue, o cárcere, o sal, o sinal…
    • Son masculinos: o cárcere, o mel, o nariz, o sal, o labor, o sangue, o leite, o sinal, o legume, o costume…
    • Son femininos: a ponte, a árbore, a arte, a calor, a orixe, a viaxe, a marxe, a dor, a orde, a análise, a paisaxe, a viaxe…

2.2. Substantivos e adxectivos de dous xéneros

Presentan formas diferentes para o masculino e o feminino. Exemplos: o neno / a nena, o capitán / a capitá, o presidente / a presidenta...

    • Formación do feminino.
      O feminino fórmase comunmente co morfema -a, que se une directamente ao masculino (deus, rapaz, avó, só, cru, chinés, burgués- deusa, rapaza, avoa, soa, crúa, chinesa, burguesa) ou substitúe a vogal final da forma masculina (sobriño, presidente -sobriña, presidenta). Mais:
      1.3.1. Nomes rematados en -n:
      1.3.1.1.- -án/-á: aldeán, artesán, chan, cidadán, cristián, curmán, irmán, pagán, san, alemán, catalán, afgán -aldeá, artesá, chá, cidadá, crumá, irmá, pagá, sa, alemá, catalá, afgá-
      1.3.1.2.- -án/-ana: despectivos: folgazán, charlatán...-folgazana, charlatana-
      1.3.1.3.- -ón/-oa: ladrón (ladra), león, patrón, campión -ladroa ou ladra, leoa, patroa, campioa-. Nos aumentativos e despectivos-ona: cabezón, abusón, faltón -cabezona, abusona, faltóna-.
      1.3.1.4.- -in/-ina: bailarín -bailarina-
      1.3.2. Sufixos especiais: barón, duque, abade, poeta, rapaz, galo, actor, emperador, rei, heroe, xudeu, sacerdote, tsar -baronesa, duquesa, abadesa, poetisa, rapaza, galiña, actriz, emperatriz, raíña, heroína, xudía, sacerdotisa, tsarina-.
      1.3.3. Palabras diferentes (heterónimos): mao, bo, cabalo, xenro, castrón, can, home, macho, frade, padriño, pai, marido, padrasto, compadre, príncipe -má, boa, egua, nora, cabra, cadela, muller, femia, freira, madriña, nai, esposa, madrasta, comadre, princesa-.
      1.3.4. Non hai formas para o feminino:
      Úsase o artigo: intérprete, estudante. Úsase macho/femia para animais: sapo, pardal, paspallás.
    •  Substantivos nos que o cambio de xénero non se refire ao sexo:
      1.1.1.- Tamaño: pipo, rato, barco, vasoiro.
      1.1.2.- Feminino colectivo: madeiro, gran, ovo.
      1.1.3.- Semanticamente diferentes: porto, corte, cura

3. A linguaxe inclusiva

Cando os substantivos e adxectivos se refiren a seres humanos, convén empregar unha linguaxe inclusiva, a través da que ambos os xéneros estean ben representados. Exemplos: Home + muller → as persoas (non *os homes) /*Os nenos de 1º ESO → Os nenos e as nenas de 1º ESO / *Os alumnos de 1º de Bach → O alumnado de 1º de Bach / *Os profesores → O profesorado

Alternativas ao uso do masculino como xenérico:

    • Nalgúns casos pódense usar as dúas formas, masculina e feminina, sempre que iso non supoña recargar moito o texto. Exemplo: Amigos e amigas, moitas grazas por vir.
    • Empregar persoa como xenérico pode evitar utilizar o substantivo masculino. Ex: Os usuarios do ascensor → As persoas que usen o ascensor
    • Pódese evitar a utilización de masculinos xenéricos para nomear cargos a través do uso de substantivos colectivos / abstractos. Ex: Cartas ao director → Cartas á dirección
    • Estes colectivos poden substituír en moitos contextos os masculinos con valor xenérico: Os alumnos → o alumnado / Os profesores → o profesorado / Os mozos → a mocidade / O home → o ser humano, as persoas / Os traballadores → o persoal / Os médicos → o persoal médico / Os nenos → a infancia

4. O número. Formación do plural


    1. Os substantivos e adxectivos rematados en vogal, forman o plural engadindo -s. Exemplos: Novela → novelas, kiwi → kiwis, libro → libros, iglú → iglús, guapo → guapos …
    2. Os substantivos e adxectivos rematados en -n ou -m forman o plural engadindo -s. Exemplos: Can → cans, marrón → marróns, dolmen → dolmens, tótem → tótems…
    3. Os substantivos e adxectivos rematados en -r ou -z forman o plural engadindo -es. Exemplos: Cráter → cráteres, culler → culleres, rapaz → rapaces, actriz → actrices, feliz → felices…
    4. Os substantivos e adxectivos rematados en -S
        • Palabras agudas → Engaden -es: Compás → compases, inglés → ingleses, gris → grises…
        • Palabras graves e esdrúxulasNon varían: O atlas → os atlas, o virus → os virus, o mércores → os mércores…
    5. Os substantivos e adxectivos rematados en -L
        • Palabras monosílabas → Engaden -es: sol → soles, mal → males, mel → meles…
        • Palabras graves → Engaden -es: túnel → túneles, mísil → mísiles, réptil → réptiles, áxil → áxiles…
        • Palabras agudas polisílabas → Cambian -l por -is: farol → farois, cristal → cristais, funil → funís, legal → legais…
        • Nos substantivos compostos, se o segundo elemento é un monosílabo rematado en -l, faise o plural engadindo -es: chuchamel → chuchameles, ollomol → ollomoles…

5. Clasificación semática do substantivo

  • Topónimos: nomes de luga: Culleredo, Galiza, Nairobi…
  • Antropónimos: nomes de persoa: Maruxa, Xaquín, Rosalía…
  • Concretos: designan elementos perceptibles polos sentidos: caderno, vento, música…
  • Abstractos: designan nocións non perceptibles polos sentidos: actitude, solidariedade…
  • Contables: designan entidades que poden ser contadas: amigo, flor, gato…
  • Incontables: designan entidades que non se poden contar: vento, fariña, leite…
  • Individuais: fan referencia, en número singular, a un só elemento: soldado, alumna…
  • Colectivos: designan, en singular, un conxunto de varios individuos dunha mesma clase: exército, alumnado…

6. Gradación do adxectivo

 Grao positivo Grao comparativo Grao superlativo
Expresa unha calidade sen comparala nin intensificala.Compara a mesma calidade atribuída a dous substantivos; ou dúas calidades atribuídas a un substantivo.Expresa a calidade en grao máximo ou mínimo.
 ollos azuis

ten os ollos tan azuis como o ceo  (un adxectivo: azuis // dous substantivos: ollos e ceo)

hoxe o ceo está máis gris ca azul (un substantivo: ceo // dous adxectivos: azul e gris)

ollos moi azuis

ollos azulisimos

os ollos máis azuis de todos

 Pode serComparativo de igualdadeAndré é tan intelixente coma XianaSuperlativo absolutoXiana é moi intelixente
Comparativo de inferioridadeAndré é menos intelixente ca XianaSuperlativo relativoXiana é a máis intelixente da clase
Comparativo de superioridadeAndré é máis intelixente ca Xiana 

 

 
6.1. Grao comparativo
A. COMPARATIVO DE IGUALDADE

  • Tan + ADXECTIVO + como / coma

Noa é tan alegre coma ti

Non é tan traballadora como aparenta

O galego é tan útil coma / como calquera outra lingua.

  • Tanto (de) + ADXECTIVO + como / coma

Ten tanto de simpático coma min.

Ten tanto de traballador como din.

Ten tanto de simpático coma / como de traballador.

B. COMPARATIVO DE INFERIORIDADE

  • Menos + ADXECTIVO + CA / DO QUE / QUE

O meu xefe é bastante menos traballador ca min.

Esa empresa é menos produtiva do que din.

Parece menos faladora ca María / que María.


C. COMPARATIVO DE SUPERIORIDADE

  • Máis + ADXECTIVO + CA / DO QUE / QUE

O meu xefe é bastante máis traballador ca min.

Esa empresa é máis produtiva do que din.

Parece máis faladora ca María / que María.

N.B.: COMO ou COMA?

  • Como + verbo. Ex. É tan espelido como dicían.
  • Coma + pronome persoal. Ex. É tan espelido coma ti.
  • No resto dos casos podemos empregar coma ou como indistintamente, aínda que se aconsella o uso de coma. Ex. Tan espelido coma / como o seu irmán.

N.B.: CA, DO QUE ou QUE?

  • Ca + pronome persoal. A conxunción ca é obrigatoria ante pronomes persoais tónicos e aconsellable nos demais casos, agás ante un verbo en forma persoal. Ex. É máis alto ca ti / É máis alto ca Mario.
  • Do que + verbo en forma persoal. Ex. Era máis alto do que eu recordaba.
  • Que. Pódese empregar sempre que o segundo elemento non sexa un pronome persoal nin un verbo. Ex. É máis alto que Mario ou É máis alto ca Mario.

6.2. Grao superlativo

a. SUPERLATIVO ABSOLUTO

Para crear o superlativo absoluto existen dúas formas diferentes:

  • Forma analítica: o adxectivo é intensificado mediante os adverbios moi ou ben. Tamén pode facerse mediante a repetición do adxectivo. Ex.: É moi traballadora. É ben curiosa. É lista, lista.
  • Forma sintética: o adxectivo é intensificado mediante a unión dun sufixo (xeralmente -ísimo, ás veces ‑érrimo) ou dun prefixo (coma hiper-, super-, extra-, requete-, arqui-). Ex.: boísimo, paupérrimo, hipersimpático, supercariñoso, requetelisto…

Formación do superlativo absoluto sintético

  • Sufixo -ísimo: Grande → grandísimo, lista → listísima, claro → clarísimo… Nalgúns adxectivos, o sufixo -ísimo engádese á raíz culta: fiel → fidelísimo, nobre → nobilísimo...
  • Sufixo -érrimo: Hai unha serie de adxectivos que engaden o sufixo -érrimo cando se usan en rexistros elevados: pobre → paupérrimo, célebre → celebérrimo, pulcro → pulquérrimo, mísero → misérrimo…
  • Prefixos: hiper- → hipercaro, ultra- → ultrafamoso, extra- → extrasuave, super- → superamable, arqui- → arquicoñecido, requete- → requeteguapo…
  • Irregulares: grande → máximo, pequeno → ínfimo, mínimo, bo → óptimo, malo → pésimo

b. SUPERLATIVO RELATIVO

O superlativo relativo atribúe a un substantivo o grao máximo dunha calidade en relación cos demais con quen se pode comparar. Constrúese seguindo estes esquemas:

  • Artigo + máis / menos + adxectivo [+ de 2º termo].

É o máis traballador [da clase] / Son os menos aburridos [da tele]...

  • Artigo + substantivo + máis / menos + adxectivo [+ de 2º termo].

É o rapaz máis traballador [da clase] / Son os programas menos aburridos [da televisión]

7. Adxectivos especificativos, adxectivos explicativos

Atendendo ás calidades que expresan con respecto ao substantivo distinguimos: 

Adxectivos especificativos: expresan calidades que definen e individualizan o substantivo. Ex. Lapis pequeno (un lapis pode ser pequeno ou grande, o adxectivo individualiza ao substantivo) 

Adxectivos explicativos ou epítetos: expresan calidades implícitas nos substantivos sen achegar ningún trazo novo. Ex. Duro ferro (o ferro sempre é duro) / Branca neve  

 

Estes apuntamentos están publicados no blog Caderno de Lingua.

Comentários

Mensagens populares deste blogue

O TEXTO E AS SÚAS PROPIEDADES (ADECUACIÓN, COHESIÓN E COHERENCIA)

A sílaba. Os ditongos, tritongos e hiatos. Repaso de acentuación

¡Soia! Follas Novas Comentario