INTRODUCIÓN Á LITERATURA
1. Que é a literatura?
A literatura é unha arte, como a música, a pintura, a escultura, o cine... na que se utilizan as palabras para emocionar e conmover.
1.1 Orixes
Poema de Gilgamesh
A literatura xurdiu de xeito oral xa que o código escrito é posterior ao desenvolvemento da lingua falada. As súas orixes tamén se relacionan coa necesidade de narrar (contar) que ten o ser humano, forma parte da súa natureza. Por exemplo, configurou mitos para explicar a creación do mundo, os fenómenos naturais...
Entre os documentos máis antigos que conservamos están: O poema de Gilgamesh (narración épica sumeria, séculos XV ao XX a. C) e varios textos exipcios , entre os que destaca a Historia de Shinué (2000. a C).
1.2 Literatura oral e escrita, diferenzas:
AUTOR: a literatura oral carece de autor coñecido; na escrita, pola contra, adóitase saber quen é o autor (aínda que en moitos textos antigos carecen de autoría)
TRANSMISIÓN: no caso da literatura oral, a canle é esta mesma: a oralidade, o que exixe aprender textos de memoria para recitalos; a escrita require a aprendizaxe dun código escrito e transmítese por unha canle física (papel).
RECURSOS: a literatura oral ten moitos recursos de repetición que se necesitaban para poder memorizar os textos con máis facilidade (rimas, refráns...). Na escrita, hai unha maior complexidade expresiva.
SUBXÉNEROS: literatura oral:romances, epopeas, lendas, cancións.... Literatura escrita: novela, relato....
2. Os xéneros literarios
Como os textos que caben dentro da etiqueta “literatura” teñen un carácter diverso, fíxose necesario xa dende a antigüidade clásica establecer unha serie de “etiquetas” coas que clasificar os textos que tivesen certas características comúns. A estas etiquetas chámaselles xéneros literarios.
Adóitanse establecer dúas grandes categorías atendendo a se se conta algo inventado coa intención de entreter ou se é un texto con finalidade de ensinar, convencer... Os primeiros serían os xéneros de ficción e os segundos os xéneros de non ficción.
2.1 Xéneros de ficciónSon os chamados xéneros maiores:
a)O xénero narrativo. É a forma adecuada para que un narrador transmita acontecementos, para que se conten historias. Inclúense neste xénero os contos e as novelas. Características.
- Cóntanse uns feitos que lle ocorren a uns personaxes nun determinado lugar e tempo.
- O narrador é un ser de ficción inventado polo/a autor/a.
- Alternan a voz do narrador e a dos personaxes.
- Antigamente era habitual que fose en verso, hoxe normalmente é en prosa.
b)O xénero lírico. É o xénero adecuado para a expresión dos sentimentos do eu poético. É o que coñecemos normalmente co nome de poesía. Presenta as seguintes características:
- Discurso subxectivo.
- Provoca emoción no receptor, xa que se pretende que se identifique cos sentimentos do emisor.
- Está escrita en verso (agás o poema en prosa).
- Presenta ritmo e musicalidade.
- Polo xeral é breve.
c) O xénero dramático. Nel son os propios personaxes os que viven de forma directa os seus conflitos. Adoitamos chamarlle teatro. As súas características son as seguintes:
- Está dirixida á representación
- Ademais do código verbal interveñen a mímica, a iluminación, a escenografía...
- O texto está constituído esencialmente en diálogo.
2.2 Os xéneros de non ficción:
a) A didáctica: é o xénero que se emprega cando ademais da finalidade artística, está presente tamén un interese pedagóxico. Isto pódese facer a través dunha fábula, dunha epístola ou dun ensaio. Na actualidade o xénero didáctico que máis vixencia ten é o ensaio.
O ensaio é un escrito en prosa, de non excesiva extensión, onde desde unha interpretación persoal se tratan diferentes temas ( políticos, científicos, artísticos... ). As súas características son as seguintes:
- Subxectividade: o/a autor/a intenta explicar a súa visión persoal sobre un determinado tema.
- Diversidade temática: dende o máis cotián ao tema de máxima transcendencia.
- Ausencia de estrutura determinada: son as reflexións e a creatividade as que guían a estrutura do texto que non se constrinxe baixo as regras da tipoloxía textual.
- As formas discursivas que predominan son a exposición e a argumentación.
b) A oratoria: é un xénero literario de transmisión oral que ten como obxectivo expor unhas ideas sobre un determinado tema coa finalidade de persuadir ou convencer o auditorio. Neste xénero literario inclúense o discurso e a conferencia, entre outros.
A conferencia é un xénero a medio camiño entre o literario e o informativo no que podemos atopar as seguintes características:
- Perséguese convencer, por iso predomina a claridade expositiva.
- Trátase dun discurso obxectivo no que se achegan datos e demostracións, aínda que sempre se parte dun posicionamento persoal ante algún feito.
- Estrutura organizada en tres partes: introdución, corpo e conclusión.
- Diversidade temática: calquera tema pode ser obxecto dunha conferencia ou dunha charla pois é o enfoque o que define o xénero, non o tema.
- As formas discursivas que predominan son a exposición e a argumentación.
- Ademais da forma e do contido do texto, ten especial relevancia a elocuencia do/a conferenciante, é dicir, o dominio da comunicación tanto nos aspectos verbais como nos orais e visuais.
Sexa cal sexa o xénero ao que pertence un determinado texto, só ten a categoría de “literario” se ademais de transmitir ideas (do tipo que sexan) tamén se utiliza a linguaxe dunha maneira especial, se se coida a lingua, se se “xoga” con ela para transmitir sensacións. Se non se cumpre este requisito entón non hai literatura. Deste xeito, non todos os ensaios son literarios (hai ensaios científicos) e tampouco todas as conferencias o son.
Mais se se trata dun texto literario si existe esa preocupación que se plasma, entre outras cousas, no uso dalgunhas figuras literarias.
3. Bibliografía:
- Lingua galega e literatura 2ºESO, editorial Consorcio
- Proxecto Cotovía (cotovia.org)
Comentários
Enviar um comentário