SEMÁNTICA. CONCEPTOS RELACIONADOS E RELACIÓNS SEMÁNTICAS.

 Qué es Neuro-Semántica? - ABEL NÚÑEZ ENTERPRISE

  ogalego.eu

SEMÁNTICA

1. Conceptos básicos.

A semántica estuda o significado das palabras.
Unidades:

  • Sema: os semas son os trazos significativos das palabras. Ex: cadeira: asento, con respaldo, con patas... Cada unha das características que identifican á cadeira dende o punto do significado, serían  semas.
  • Semema: conxunto de todos os semas que se asocian a un lexema.
  • Lexema: é a unidade mínima dotada de significante e significado. Ex: cadeira, sofá...

2. Campo semántico,  campo asociativo e familia léxica

O conxunto de palabras que teñen un ou máis semas comúns e algún oposto ou diferenciador forman un campo semántico. É dicir, comparten un ou máis trazos do seu significado.Ex: campo semántico dos asentos: cadeira, banco, banqueta, sofá, escano, tallo. Semas: obxecto para se sentar as persoas, con respaldo, para unha persoa, con brazos, con patas, baixo... Todas as palabras dun campo semántico teñen que ter a mesma categoría gramatical (ben son substantivos, ben adxectivos, ben verbos...)
A organización dos campos semánticos non ten por que ser permanente no tempo e universal en todas as linguas, mais é necesario que aquelas palabras que conformen o campo, sexan da mesma categoría gramatical.

Os campos asociativos son conxuntos de palabras que nós asociamos en función da nosa bagaxe e de xeito subxectivo. Aquí pode haber palabras de distintas categorías gramaticais. Por exemplo, para unha persoa o campo asociativo de mar podería ser: mar, nadar, peixe, barco, mergullarse....

As familias léxicas son un conxunto de palabras que comparten lexema: mar, mariñeiro, marítimo, mareiro.... As familias léxicas tamén poden ter termos de categorías gramaticais distintas

3. A connotación e a denotación
denotación móstranos os semas que configuran a palabra sen ter en conta o contexto, é o significado obxectivo (significado básico que non depende do contexto). Pola contra, a connotación ten en conta o contexto e fai referencia aos elementos subxectivos. Ex: formiga -denotación: o bicho // connotación: traballador/a)

4. Relacións semánticas

Non sempre se corresponde un significante cun significado, hai diferentes relacións entre as unidades semánticas que favorecen a comunicación:

4.1.- Termos opostos (antonimia): oposición de significados, relación de incompatibilidade.
Complementarios ou privativos: exclúense un ao outro, non admiten graduación, comparación. Ex: esquerda-dereita.
Antónimos graduais: non se exclúen totalmente, hai graos intermedios. Ex: frío-quente, no medio, estaría morno, por exemplo.
Inversos ou recíprocos: son dous aspectos dunha mesma relación ou concepto, a presenza dun supón a existencia do outro. Ex: avoa/neta, vender/comprar.
Pola súa formación poden ser léxicos (palabras diferentes: xenro/sogro) ou gramaticais (mediante prefixos: feliz/infeliz).

4.2 A sinonimia: un mesmo significado ten varios significantes (varias palabras significan o mesmo). Os sinónimos poden ser perfectos (cando son intercambiables en todos os contextos pero/mais) ou parciais (cando se poden intercambiar pero non en todos os contextos guapo/lindo/fermoso: O neno é guapo/lindo/fermoso; O piso é lindo/fermoso *guapo non serviría porque se aplica a persoas)
Os sinónimos perfectos son moi escasos, sempre hai matices de uso, afectivos, etc. Ex: dentista/estomatólogo son o mesmo pero unha é moito máis culta. Outros exemplos: ledicia/alegría, falador/falangueiro, perna/pata...

4.3 A polisemia: un significante ten varios significados, é dicir, unha palabra é polisémica cando ten máis dun significado.
É beneficiosa para a lingua xa que reduce o número de palabras para memorizar.
As principais causas de polisemia son:
- A linguaxe figurada: ollo (parte da cabeza-oco dunha ponte), cabeza (parte do corpo/guía, dirixente).
- A especialización nun medio social: fondo (profundidade/investimento), operación (a matemática/a cirúrxica).
- Os cambios de aplicación: niño (cama dos paxaros/cama de delincuentes).

4.4 A homonimia:é cando dous significantes coinciden na escrita mais os significados son moi diferentes. Isto sucede porque o máis probable é que proveñan de palabras diferentes
- Homonimia absoluta: pronúncianse e escríbense igual. Exemplo: río (eu río/canle de auga), cal (o das paredes/canle).
- Homonimia parcial:
-Homófonos (non homógrafos): pronúncianse igual pero escríbense de xeito diferente: abano (para dar aire)- habano (de Cuba); balor (mofo) - valor (valentía).
-Homógrafos: escríbense igual e tamén se pronuncian do mesmo xeito (homófonos): queixo (parte da cabez) - queixo (o feito de leite).
A homonimia pode ser provocada pola evolución fonética converxente ou polos préstamos doutras linguas.

4.5.- As relacións de inclusión ou xerarquía:

Hiponimia/hiperonimia/cohiponimia

 
Hiponimia: é a relación de significado entre un termo máis específico (subordinado) e outro máis xeral: can-animal, caravel-flor, león-mamífero   (hipónimo-hiperónimo)
Hiperonimia: é a relación de significado entre un termo máis xeral e outro máis específico: mamífero-gato (hiperónimo-hipónimo).
Cohiponimia: é a relación entre hipónimos dun mesmo hiperónimo: can/gato (en relación a mamíferos).

Holonimia/meronimia/comeronimia

- Holonimia: fai alusión ao todo (teléfono móbil).

- Meronimia: fai alusión á parte (pantalla, teclado, tarxeta...)

- Comeronimia: relación entre os merónimos dun holónimo.

 

5.- Os cambios semánticos: mudanzas de significado. As causas son variadas:

  • Lingüísticas: contaxio (lince: animal / lince: que as pilla todas), elipse (liña por coche de liña). 
  • Históricas: pluma (a da ave pasou a ser tamén instrumento de escribir). 
  • Socio-culturais: vándalo (pasou de ser un pobo determinado a aplicarse ao que destrúe todo). 
    Cómpre tamén falar do tabú que son palabras consideradas vulgares, inoportunas ou con connotacións negativas. Destacan as relacionadas coas funcións corporais (cu, cagar...), coa morte, etc. Estas palabras "feas" (disfemismos) son substituídas por outras que as atenúan ou encobren (eufemismos). Ex: a palabra retrete deixou de usarse e foi substituída por unha adaptación do inglés váter, que pasado un tempo tamén se converteu en disfemismo e tivo que ser reemprazada por outras como lavabo
  •  Metáfora e metonimia: A metáfora consiste en expresar unha idea co signo doutra coaa que garda  semellanza, como cuando decimos: a flor da xuventude, a alma dun negocio... A metonimia designa algo co nome doutra cousa tomando o efecto pola causa e viceversa; o autor pola obra, o signo pola cousa: un Picasso = un cadro de Picasso,  un vino, unha auga.

Comentários

Mensagens populares deste blogue

O TEXTO E AS SÚAS PROPIEDADES (ADECUACIÓN, COHESIÓN E COHERENCIA)

A sílaba. Os ditongos, tritongos e hiatos. Repaso de acentuación

¡Soia! Follas Novas Comentario