¡Soia! Follas Novas Comentario
¡Soia!
Eran craro-los días,
risoña-las mañáns,
i era a tristeza súa
negra coma a orfandá.
Íñase á mañecida,
tornaba coa serán...;
mais que fora ou viñera
ninguén llo iña a esculcar.
Tomóu un día leve
camiño do areal...
Como naide a esperaba,
ela non tornóu máis.
Ó cabo dos tres días,
botóuna fora o mar,
i alí onde o corvo pousa,
soia enterrada está.
“Do intimo” , Follas novas (1880)
Situámonos ante o poema de Rosalía de Castro "¡Soia!", de Follas Novas, o segundo poemario en galego da autora, publicado no ano 1880. O poema inclúese na segunda parte, titulada “Do íntimo”, e xunto con “Vaguedás”, a primeira, reúnen a poesía máis subxectiva da autora. Trátase dun texto breve, 16 versos heptasílabos de rima asonante nos pares, agrupados en 4 estrofas de 4 versos cada unha.
O título “¡Soia!" adiántanos o tema principal do texto, a soidade dunha muller que non lle importaba a ninguén. Como temas secundarios observamos o desinterese da sociedade polas persoas en situación marxinal. Pensemos en que nesta época, unha muller sen familia estaba desposuída de todo.
Estruturámolo texto en dúas partes. A primeira comprende as dúas primeiras estrofas, e a segunda, as dúas seguintes. A primeira parte condensa a vida da protagonista. Os días luminosos e alegres (vv.1-2) contrastan coa tristeza da protagonista que se compara coa orfandade (vv.3-4). Da súa vida só sabemos que marchaba cedo e volvía á tardiña (vv. 5 e 6) , e ademais, que ninguén a esperaba (vv.7 -8). A segunda parte, trata da morte, unha morte tan solitaria como a vida: un día, deciciu non volver mais porque ninguén a esperaba e dirixiuse ao areal (v.9-12). Finalmente, apareceu morta na praia aos tres días (vv.13-16).
A voz poética está en terceira persoa e cóntanos a historia dunha personaxe triste pola soidade que a acompaña. O feito de que o mar a “botase” (v.14) fóra semella ata un último rechazo. A soidade queda manifestada no feito de que o único ser vivo que está presente na súa devolución á terra é un corvo.
Por outra banda, as referencias espaciais e temporais son
moi relevantes e moi concretas: 3 son os días que tarda en aparecer; a súa vida movíase entre a “mañecida” e o “serán”.
Que os días fosen luminosos achéganos a
primavera ou o verán, que serven de contraste coa súa tristura negra. O espazo tamén
se vai definindo: “areal, mar, alí onde o corvo pousa" son as referencias que
nos levan a unha vida preto do mar, e unha morte formando parte do escenario. O
corvo é un animal de mal agoiro pero será a súa compañía. Tampouco sabemos quen
a enterrou pero podemos pensar incluso que a foi cubrindo a propia area. Soia, tamén, na sepultura.
Dende o punto de vista expresivo, no plano pragmático, destacamos a función estética para tratar o tema da soidade. No plano fonético destaca a aliteración do –r- na primeira estrofa, que acentúa máis esa ruptura de expectativas dos versos positivos iniciais. No plano morfosintáctico destacan as estruturas paralelísticas (vv1-2 e 3-4) que acentúan as oposición anterior. Tamén destacan os puntos suspensivos que aparecen na segunda e na terceira estrofa. No primeiro caso poderían significar continuidade ou rutina pero no segundo caso omítennos parte do desenlace. O asíndeto favorece o ritmo rápido no poema, só hai dúas conxuncións copulativas ao inicio dos terceiros versos da primeira e última estrofa, ralentizando as ideas "tristura negra na vida" e "soidade na morte".Por último, destacamos que todo o texto está en pasado excepto a última estrofa que está en presente: soa na vida, na morte e na eternidade.
No plano léxico semántico destaca a utilización de termos opostos para enfatizar os movementos : fora/viñera; íñase/tornaba; craro, risoños/negro. Por outra banda, observamos unha comparación (tristura negra coma a orfandade). Que se compare coa orfandade encamiña a concibir esa tristura por soidade dende un punto de vista familiar. Logo, unha vez morta, tamén vemos que a soidade é social porque ninguén a vela, ninguén a vai despedir. Por último, destaca o campo asociativo da soidade neste texto, que leva parellas as seguintes verbas: " ninguén, nadie, orfandá, tristeza, orfandá, soia, enterrada”.
A lingua é sinxela e utiliza trazos típicos como da época como dilectalismos (íñase) vulgarismos (soia), ou o guión para representar que o artigo vai ligado fonéticamente.
Xa para rematar diremos que este texto achéganos a realidade de moitas mulleres da época, con vidas invisíveis e marxinais cuxa morte non importa. Rosalía, dende unha perspectiva íntima, preséntanos a esta personaxe á que o mar bota fora e que só a vela un corvo. A natureza é máis piadosa que o ser humano. A soidade vencéllase á exclusión social e deixa unha porta aberta a un posible suicidio.
Comentários
Enviar um comentário