ROSALÍA É MOITO!!! II


 Ilustradora Abi Castillo


Apuntamentos da Profa, é moi interesante o tratamento da imaxe de Rosalía. Aquí hai información de todo o Rexurdimento.

Apuntamentos de Rosalía de Castro da profe Anxos Rial

ROSALÍA DE CASTRO

1. INTRODUCIÓN
2. VIDA E OBRA
3. CANTARES GALLEGOS (1863)
3.1. INTENCIÓN E COMPOSICIÓN
3.2. ESTRUTURA E VOCES
3.3. OS TEMAS
3.4. FORMAS
3.5. RECEPCIÓN
4. FOLLAS NOVAS (1880)
4.1 ESTRUTURA E NÚCLEOS TEMÁTICOS
4.2. A CONCEPCIÓN DA VIDA EN FOLLAS NOVAS
5. A PROSA DE ROSALÍA




1. INTRODUCIÓN

Na segunda metade do século XIX, o lento agromar da conciencia nacional como resposta aos males do país –explotación, marxinación, atraso económico e emigración– medra parello á reivindicación lingüística, de xeito que o simple emprego do galego constitúe unha clara opción ideolóxica.
E a mellor maneira de prestixiar un idioma é utilizalo como vehículo dunha grande obra literaria. Isto acontece cando Rosalía rompe a cantar. O seu primeiro libro, Cantares galegos, constitúe un canto colectivo, artisticamente logrado, que serviu de espello dignificador á comunidade galega. Pero ademais, Rosalía, no seu segundo libro de poemas en galego, Follas novas, creou unha poética de gran profundidade, que utiliza o símbolo para expresar a plurisignificación propia da máis alta poesía. Rosalía incorporábase así á historia da literatura universal.
Hoxe é a figura central da nosa literatura, mitificada polo pobo galego é obxecto dunha abundante bibliografía no estranxeiro.

2. VIDA E OBRA

Rosalía de Castro nace en Santiago de Compostela o 24 de febreiro de 1837. A súa nai era unha fidalga solteira e o seu pai un membro do clero. Nun primeiro momento, Rosalía estará baixo a custodia da súa tía paterna na aldea de Ortoño. A estes primeiros anos debe Rosalía o coñecemento e a vivencia do mundo rural galego: lingua, crenzas, costumes, cantigas... que tantísimo peso ha ter en Cantares galegos.
Polo ano 1850 trasládase coa nai a Santiago, onde estudará música e debuxo. Nestes anos tamén participa en actividades culturais organizadas polo Liceo de la Juventud e toma contacto coa mocidade intelectual da Compostela da época (Eduardo Pondal, Aurelio Aguirre...).
En 1856 Rosalía vai vivir a Madrid. Aí publica o seu primeiro libro de poemas, La flor, e coñece a Murguía, con quen casa a fins de 1858.
Na década 1860-1870 o matrimonio pasará por diversas dificultades (morte de dous fillos de curta idade, apuros económicos, problemas de saúde de Rosalía, continuos desprazamentos a causa do traballo de Murguía...), é nesa época cando Rosalía escribe Cantares galegos, os máis dos poemas de Follas novas e o Conto galego. Tamén escribe nestes anos a maioría das novelas en castelán.
En 1871 volve a Galicia. Reside na Coruña, en Santiago, en Lestrove e logo en Padrón. Alí, ennegrecidos os seus derradeiros anos, escribe En las orillas del Sar, unha das obras cume da literatura española, na que atopamos unha visión desolada do mundo, marcada pola infelicidade e a desesperanza como trazos esenciais da existencia humana.
Morreu na súa casa da Matanza o 15 de xullo de 1885. Os seus restos serían trasladados anos máis tarde á igrexa de San Domingos de Bonaval, en Santiago.

3. CANTARES GALLEGOS (1863)

A publicación de Cantares gallegos, en 1863, supón o inicio do Rexurdimento pleno. Un século despois, a data do 17 de maio dese ano, que figura na dedicatoria do libro será a elixida para conmemorar o “Día das Letras Galegas”, en recoñecemento ó gran valor simbólico desta obra.

3.1. INTENCIÓN E COMPOSICIÓN

Rosalía compón o libro en forma de glosas de cantares ou ditos populares, poñendo “o maior coidado en reproducir o verdadeiro espírito do noso pobo”, mediante unha poesía sinxela, popular e que conxugaba moi ben coa cosmovisión dos labregos, que constituían a inmensa maioría da poboación de Galicia do século XIX. Rosalía, en perfecta sintonía ideolóxica e estética coas clases populares, consegue expresar de forma auténtica e coherente a voz colectiva da nosa terra.
Pero a actitude que ten o libro é reivindicativa. A exaltación dos costumes galegos e a protesta da desconsideración coa que os galegos son tratados, leva consigo unha actitude de reivindicativa nacional, de denuncia colectiva do noso país. Esta reivindicación pódese observar mesmo nos cadros de costumes máis idílicos, nos versos máis aparentemente acríticos.

3.2. ESTRUTURA E VOCES

O libro, constituído por 36 poemas, presenta unha estrutura enmarcante, xa que comeza cunha composición na que toma a voz unha moza a quen invita a cantar e remata coa mesma voz da “meniña” que se escusa pola súa falta de habilidade para cantar as belezas da nosa Terra. É dicir, os poemas 1 e 36 fan da historia da nena que condivan a cantar, o marco que conterá  as historias que nos acheguen os 34 textos restantes.
1

36
Has de cantar,
que che hei de dar zonchos;
has de cantar
que che hei de dar moitos.

Eu cantar, cantar, cantei,
a grasia non era moita.

Así, o resto dos poemas quedan enmarcados polos que abren e pechan o discurso lírico e convértense nunha recreación desta artista popular que canta persoalmente diversos motivos (a romaría da Virxe da Barca, o engado do repoludo gaiteiro...), aínda que en ocasións cédelles a súa voz a distintos tipos populares (os mozos namorados, o home que se dispón a emigrar...) ou mesmo xorde un eu lírico en dous dos poemas que hai quen identifica coa propia autora, coma unha  personaxe máis, afirmando deste xeito a pertenza á comunidade rural expresada no libro.

3.3. OS TEMAS

En Cantares gallegos atopamos catro núcleos temáticos fundamentais:
  Temática costumista.­
Nun número elevado de composicións predomina a descrición e narración para presentar crenzas, romarías, devocións, personaxes... da cultura popular galega que Rosalía defendía fronte ós estereotipos.
  Temática amorosa.
As coitas amorosas funcionan como eixe semántico dunha serie de poemas. Tanto poden aparecer en forma de diálogo como de monólogo, postos en boca de muller ou de home. Rosalía amosa así diferentes situacións amorosas partindo dunha óptica popular.
  Temática intimista.­
Nos poemas pertencentes a este grupo temático, Rosalía fala directamente, mediante un eu lírico, para expresar as súas vivencias e recordos persoais, motivos que prevalecerán posteriormente en Follas novas. Son fundamentalmente dous os poemas que seguen esta liña: os que glosan os cantares “Campanas de Bastabales” e “Como chove miudiño”.
  Temática social-patriótica.­
Neste apartado inclúense unha serie de composicións nas que a emigración, o abandono ó que Galicia está condenada e a explotación e aldraxes dos galegos en terra allea son os motivos ós que se recorre para criticar a situación dun pobo galego asoballado e reivindicar uns valores universais de xustiza social. A este grupo corresponden as glosas dos cantares “Adiós, río, adiós fontes”, “Airiños, airiños aires”; “Castellana de Castilla”, “Castellanos de Castilla” e “A gaita gallega”.

3.4. FORMAS

Formalmente Cantares gallegos denota unha clara influencia da expresividade popular.
En canto á métrica caracterízase polo predominio dos modelos tradicionais, con preferencia polos versos de arte menor (sobre todo o octosílabo) e pola rima asonante. Dentro da formas de orixe popular tradicional, cabe mencionar tamén o emprego ocasional do verso chamado de gaita galega (decasílabo, hendecasílabo ou dodecasílabo), que resulta da adaptación do ritmo popular da muiñeira.
Has de cantar,
neniña gaiteira;
has de cantar,
que morro de pena.
Vente, rapasa,
vente, miñiña,
vente a lavar
no pilón da fontiña.
(A muiñeira –en termos métricos– consiste nunha serie ilimitada de estrofas de varios versos de gaita galega, xeralmente partidos, que riman no seu segundo hemistiquio e que ás veces van seguidos dun breve estribillo).
Estilisticamente, é destacable o uso de figuras retóricas baseadas na repetición de elementos (aliteración, anáfora...) e a abundancia das comparación poéticas, a miúdo tiradas da lingua común.

3.5. RECEPCIÓN

A publicación de Cantares gallegos foi acollida con entusiasmo dentro de Galicia e proporcionoulle á autora unha notable sona no exterior, particularmente en Cataluña e en Portugal. O éxito desta obra foi tal, que algúns dos seus poemas eran coñecidos e recitados de memoria por sucesivas xeracións de mozas e mozos galegos, mesmo nos anos máis duros da posguerra.

4. FOLLAS NOVAS (1880)

Aínda que publicado en 1880, rosalía xa comezara escribir este libro (o seu derradeiro libro de poesía en galego) a finais da década de 1860, época durante a cal residiu en Simancas.

4.1. ESTRUTURA E NÚCLEOS TEMÁTICOS

Os núcleos básicos de Follas novas son dous:
  Por unha banda diferénciase un tipo de poesía subxectiva, que corresponde aos dous primeiros apartados en que se estrutura o libro, “Vaguidades” e “Do íntimo”. É onde a autora desenvolve un discurso existencial pesimista e angustiado. Trátase dunha reflexión indutiva, xa que parte da súa propia experiencia para facer transcender ao resto da humanidade os resultados acadados.
  Por outra banda hai unha poesía obxectiva colectiva, correspondente aos apartados IV (“Da terra”) e V (“As viúvas dos vivos e as viúvas dos mortos”), que insiste no aspecto reivindicativo do popular e do home galego, e onde se tratan temas que xa apareceran en Cantares galegos, como a emigración e a inxustiza social.
O apartado III (“Varia”) participa do obxectivo e do subxectivo mostrando o complexo carácter que ofrece a realidade en toda a súa extensión para servir de ponte entre a subxectividade de “Do íntimo” e a obxectividade de “Da terra”.

4.2. A CONCEPCIÓN DA VIDA EN FOLLAS NOVAS

Rosalía ofrécenos en Follas novas unha visión desolada do mundo e da vida. O sentimento predominante en toda a obra é o da saudade. Co termo “soidade” as máis das veces, Rosalía refírese ao sentimento derivado da privación dalgún ben concreto (o amor, a Terra, a felicidade). Así, esta eiva existencial analizada por Rosalía a partir da súa propia experiencia, percíbese como o achado final dun proceso no que a desgraza, sempre ao axexo do ser humano, vai marcando a súa vida co sufrimento e a dor.
Pero esa dor é inevitable, forma parte da esencia humana, como nolo revela no poema “Unha vez tiven un cravo”. Por iso a única solución para ese sufrimento é a fuxida (Quérome ire / quérome ire / para onde non o sei) ou a pertenza absoluta da conciencia, o único camiño semella ser a morte, e mesmo o suicidio­.
Toda esa visión desolada da vida intensifícase coa angustia existencial, derivada da omnipresencia dunha pantasma que ameaza a súa vida e que se manifesta de forma especial no símbolo escuro, vago e polisémico da “negra sombra”.

5. A PROSA DE ROSALÍA

A obra en prosa de Rosalía redúcese a tres textos: o Conto galego e os prólogos de Cantares galegos e Follas novas.
  Conto galego: apareceu por primeira vez nunha publicación periódica no ano 1864. Ata o descubrimento desta edición só se coñecía outra de 1923, polo que se consideraba unha obra de edición póstuma. O conto refire un motivo tradicional da literatura misóxina en que dous amigos fan unha aposta por ver se un deles é quen de seducir unha viúva o mesmo día do enterro do seu home. Coma en Cantares galegos, faise literatura a partir de formas e temas populares tradicionais. O trazo característico deste conto é a economía narrativa: a trama descansa fundamentalmente no diálogo de personaxes, e a voz narradora limita as súas intervencións ao imprescindible.
  Os dous prólogos (de Cantares galegos e Follas novas) son así mesmo inestimables mostras da prosa galega de Rosalía e neles pódense advertir as razóns ideolóxicas, os principios estéticos e as motivacións que a levaron a escribir en galego.

Comentários

Mensagens populares deste blogue

O TEXTO E AS SÚAS PROPIEDADES (ADECUACIÓN, COHESIÓN E COHERENCIA)

MODELO DE COMENTARIO DE TEXTOS LITERARIOS

A sílaba. Os ditongos, tritongos e hiatos. Repaso de acentuación