HISTORIA DA LINGUA SÉCULO XIX E PRIMEIRA METADE DO SÉCULO XX
Apuntamentos de historia da lingua século XIX e primeira parte do XX da profesora Anxos Rial
Historia da lingua: DO SÉCULO XIX Á ACTUALIDADE
DO
SÉCULO XIX Á ACTUALIDADE
|
|||
1.
SÉCULO XIX
|
1.1. HISTORIA EXTERNA:
OS CONTEXTOS SOCIOLINGÜÍSTICOS
1.2. HISTORIA INTERNA
|
||
2. DE COMEZOS DO XX A 1936
|
2.1.
HISTORIA EXTERNA: OS CONTEXTOS SOCIOLINGÜÍSTICOS
2.2. HISTORIA INTERNA
|
||
3. DE
1936 ATA HOXE
|
3.1. HISTORIA EXTERNA:
OS CONTEXTOS SOCIOLINGÜÍSTICOS
3.2. HISTORIA INTERNA
|
||
1. SÉCULO XIX
1.1. HISTORIA EXTERNA: OS CONTEXTOS SOCIOLINGÜÍSTICOS
No século XIX produciuse o Rexurdimento literario do galego. As ideas do Romanticismo, que en toda Europa exaltaban os
trazos diferenciais dos pobos e nacións, favoreceron o desenvolvemento dunha
corrente ideolóxica galeguista cos
obxectivos fundamentais da defensa de Galicia e da súa lingua. Unha das
principais preocupacións tanto dos escritores considerados precursores coma dos
propiamente pertencentes ao Rexurdimento foi a fixación dunha variedade escrita
do idioma galego, unha variedade culta e unificada.
A guerra contra os franceses (1808-1810) propiciou o uso do galego
en impresos panfletarios ou propagandísticos: chamamentos a alistarse no
exército de voluntarios ou narración de episodios bélicos. En 1833, morto
Fernando VII e reinstaurado o réxime constitucional con Isabel II, refórzase a
tendencia centralizadora da configuración do estado e da administración: coa
reforma de Xavier de Burgos desaparece a denominación de Reino de Galicia e o
noso territorio queda convertido nas catro provincias actuais. A lexislación en
materia educativa impuxo así mesmo a uniformización lingüística mediante a
alfabetización en castelán.
Na década de 1840 xorde unha corrente galeguista articulada contra o
carácter centralista e uniformante do estado español. Distínguense
tres etapas sucesivas na evolución do galeguismo: provincialismo (desde 1846), rexionalismo (desde 1885) e nacionalismo (desde 1916).
O provincialismo fixo a súa primeira incursión na política activa co
levantamento de 1846, insurrección que foi reprimida polo exército español e
que rematou co fusilamento de doce oficiais, desde aquela coñecidos como “os
mártires de Carral”, en referencia á vila coruñesa en que foron executados.
Logo deste fracaso, o provincialismo centrou a súa actividade na cultura e na
reivindicación do idioma. Os escritores deste período denominados precursores
van preparando o camiño para o Rexurdimento. Entre eles destacan Francisco Añón
e Xoán Manuel Pintos.
O Rexurdimento pleno ten lugar na década de 1860. É a época na que publican
Rosalía de Castro, Curros e Pondal.
Na década de 1860 aparecen os primeiros dicionarios de F. Xavier Rodríguez (1865), as gramáticas de Pintos (1864) e Saco e Arce
(1868).
Por esta época asístese ao tránsito cara ao rexionalismo que se basea na
concepción de Galicia como rexión ou nacionalidade diferenciada e no propósito
de rexenerar os seus trazos culturais e lingüísticos e conseguir unha autonomía
política.
1.2. HISTORIA INTERNA
Fonoloxía
Para fixar unha ortografía recorreron fundamentalmente á lingua castelá,
que era a
que mellor coñecían.
–
Aínda así, había no galego determinados fonemas que non
tiñan correspondencia gráfica no idioma oficial. O /ŋ/, por exemplo, pasou por
distintas fases antes de se consolidar a súa representación actual nh, aparecendo como un.a, un-a ou unha.
– Do mesmo xeito, para a
fricativa palatal xorda /∫/, había dúas posibilidades:
ou ben representala sempre cun mesmo grafema x (xente, xa, deixar), ou ben empregar g, j, x dependendo do étimo latino de procedencia (lat. GENTE > gal. gente; lat. JAM > gal. ja; lat. LAXARE > gal. leixar).
–
Así mesmo, a escrita do século XIX usa apóstrofos e
guións para representar as contraccións propias da lingua falada: pol’a
mañán; dixo qu’ovira...
Léxico
Procurábase eliminar os castelanismos innecesarios, pero se se daban distintas solucións
dialectais para unha mesma palabra, normalmente cada escritor elixía a forma
propia da súa fala, ocasionando unha situación de diversidade na escrita. En
liñas xerais, existe unha tendencia clara a reproducir a fala popular, intentando diferenciarse do castelán
para acadar un idioma galego máis puro.
Esta situación vai virar un pouco na lingua empregada por Curros Enríquez e
Eduardo Pondal, que significan un avance respecto da situación anterior. Estes
autores pretendían unha variedade escrita máis depurada e culta. Se Curros intenta
manterse próximo ao galego coloquial pero evitando vacilacións e castelanismos,
Pondal ten moi en conta o portugués literario e bota man de cultismos tirados
directamente do latín e do grego para a elaboración dun galego escollido.
Pondal pretende a dignificación do idioma poético, de aí o seu gusto pola
conservación de grupos consonánticos cultos (absorto, dirección, ignorante) e o recurso
a cultismos insólitos (alíxero,
ignaro)
2. DE COMEZOS DO XX A 1936
2.1. HISTORIA EXTERNA: OS CONTEXTOS SOCIOLINGÜÍSTICOS
A comezos do século XX fúndase a Real Academia Galega (1906), presidida por Murguía.
A defensa do galego cobrou nova pulo co movemento agrarista da segunda
década do século e a fundación das Irmandades da Fala en 1916. En 1918 consolidouse a ideoloxía
nacionalista na I Asemblea Nacionalista en Lugo, coa asistencia das Irmandades, encabezada polos irmáns
Villar Ponte e outros grupos. No seo deste movemento xorde en 1931 o Partido
Galeguista. Desde a súa
fundación, as Irmandades da Fala publicaron A Nosa Terra, que dende
1932 se converteu no voceiro oficioso do Partido Galeguista.
En 1922 naceu o Seminario de Estudos Galegos, que contaba entre os seus membros con profesores e alumnos da
universidade compostelá como Cotarelo, Bouza-Brey, Filgueira Valverde... O
Seminario tivo gran transcendencia para o nosa cultura mercé a estudos
rigorosos sobre etnografía, xeografía, arqueoloxía...
2.2. HISTORIA INTERNA
Haberá que agardar ata 1906 para que se constitúa na Coruña a Real Academia
Galega, que tivo como primeiro presidente a Manuel Murguía. Pero,
paradoxalmente, non será precisamente a Academia que presente os alicerces para
o establecemento dunha norma do galego escrito, senón a Sección de Filoloxía do
Seminario de Estados Galegos con Algunhas normas para unificazón
do idioma galego (1933).Nese mesmo ano as Irmandades da Fala publican o Vocabulario
castellano-gallego e tres
anos despois aparece a Engádega ás normas para unificazón do idioma galego.
Os aspectos máis destacables destas normas son:
Fonoloxía:
–
Rexeitamento do i grego (y) para
presentar o fonema /i/ .
–
Grafemas ll e ñ para a representación de /λ/ e /Ŋ/.
–
Elección de x para a representación de /∫/ contra os que preferían o uso de g, j ou x, dependendo do étimo.
–
Emprego do h
segundo a etimoloxía (hoxe,
Hespaña, pero orfo,
irmán).
–
Mantemento de grupos consonánticos nas voces cultas.
–
Abandono do apóstrofo e redución do uso do guion.
Morfoloxía:
–
Plurais casás e
caravés para as polisílabas agudas
rematadas en -l no singular.
Antes da publicación das normas do Seminario, apareceran outras en 1919, da
autoría de Leandro Carré Alvarellos, que levaban por título Compendio de
gramática galega. Do mesmo
xeito, en 1922, Manuel Lugrís Freire publicaba a Gramática do idioma galego, de moita repercusión na
época.
3. DE 1936 ATA HOXE
3.1. HISTORIA EXTERNA: OS CONTEXTOS SOCIOLINGÜÍSTICOS
En 1936, trala aprobación do Estatuto de Autonomía, estala a guerra e
quedan interrompidos os progresos logrados polo galeguismo político e cultural.
Nos primeiros tempos da posguerra as letras galegas coñecen un novo período de
silencio.
En 1950 comeza a recuperación coa fundación da editorial Galaxia por
Ramón Piñeiro, Fernández del Riego, Illa Couto e outros. A publicación de obras
en galego viuse mol restrinxida e vixiada celosamente polo réxime franquista.
Galaxia promoveu a prosa narrativa con obras de Carballo Calero, Fole,
Cunqueiro... e de autores máis novos.
En 1951 ven a luz os primeiros números da revista Grial, que sería prohibida en 1952 e
habería que agardar ata 1963 para volver saír ao público.
Na década de 1960 nacen os primeiros partidos políticos galeguistas da posguerra: o partido Socialista
Galego (1963) e a Unión do Pobo Galego (1964), que cos anos habían converxer no
Bloque Nacionalista Galego. A lingua pasou a ser canle de reivindicacións de
todo tipo de publicacións clandestinas de oposición ao réxime. En 1963, no
centenario da publicación de Cantares gallegos, a Academia institucionalizou o 17 de maio como día das
Letras Galegas.
Na década de 1970 proliferan as publicacións periódicas escritas
integramente en galego: os semanarios A Nosa Terra e Teima, a revista infantil Vagalume, etc. Coa desaparición da ditadura e
instaurada a Constitución de 1978, é salientable o feito da incorporación da
lingua e a literatura galegas no ensino en 1979 e a aprobación da Lei de
Normalización Lingüística en 1983.
3.2. HISTORIA INTERNA
No ano 1950 comeza a súa actividade a Editorial Galaxia. Os textos
publicados nesta editorial marcan o camiño que seguirá a escrita durante máis
de dúas décadas. O máis destacable
é a eliminación de apóstrofos e a redución do uso do guion, proseguindo o
proceso de simplificación iniciado polas Normas de 1933. Así mesmo, pódese
apreciar a intención de evitar hiperenxebrismos e dialectalismos.
En 1965 impártense por primeira vez cursos de lingua e literatura na
Universidade de Compostela.
En 1970 a
Real Academia galega publica as Normas ortográficas do idioma galego.
A instauración da democracia recoñece a cooficialidade do galego e a súa
incorporación ao ensino. Desde o momento en que o galego ten acceso á
administración e ao ensino, imponse a necesidade de elaborar unha normativa
estable para a variedade estándar do idioma. Por iso en 1982 son declaradas
oficiais pola Xunta de Galicia as Normas
ortográficas e morfolóxicas do idioma galego elaboradas pola Real
Academia Galega e mais polo instituto da Lingua Galega.
En 1986, membros do Instituto da Lingua publican unha Gramática Galega que terá vixencia ata a actualidade.
Comentários
Enviar um comentário