LÍRICA MEDIEVAL RELIXIOSA. AS CANTIGAS DE SANTA MARÍA
As Cantigas de Santa María (resumo Galipedia)son un conxunto de catrocentas vinte e sete composicións en galego-portugués, que no século XIII era a lingua fundamental da lírica culta en Castela. Atópanse repartidas en catro manuscritos, un deles na Biblioteca Nacional en Madrid (códice To, por Toledo), dous en San Lorenzo de El Escorial (códices E e T) e o cuarto en Florencia (códice F).
A colección mariana data de entre os anos 1270 e 1283. A obra conxuga o marioloxio, é dicir, o devezo de configurar unha auténtica compilación dos milagres marianos, coa proxección político-cultural. O rei procurou tanto o carácter enciclopédico da súa obra como que esta se convertese nun traballo de referencia en todo o espazo peninsular e máis aló dos límites deste, adquirindo, deste xeito, un prestixio internacional.
A cuestión da autoría non está resolta aínda. Existen dúbidas sobre a autoría directa de Afonso X o Sabio (1221-1284). Para un gran número de expertos, o rei, se ben pode ser o autor directo dunha certa cantidade de textos, operaría no conxunto da obra ao xeito dun arquitecto, director de todo o traballo. Porén, outros analistas consideran que Afonso X ben puido levar adiante el só todo o labor de composición, o que non descarta a presenza dun amplo grupo de colaboradores que reunisen materiais para o monarca. En todo caso, hai un ckari afán propagandístico por parte de Afonso X.
Afonso X botou man de todo tipo de materiais para a elaboración do seu proxecto enciclopédico sobre o mundo mariano, dos que cabe destacar un amplo conxunto de lendas e tradicións (mariais latinos medievais, coleccións marianas en linguas romances, coleccións de santuarios peninsulares a mais coleccións locais estranxeiras). A todos eles xuntou aínda o rei cantigas autobiográficas que inclúen lembranzas de infancia e vivencias persoais, dentro da mesma intención compilatoria do conxunto.
Clasificación
A obra está constituída por 420 cantos, onde 320 referidos aos milagres da Virxe María e diversos santuarios europeos. Séguenlles 43 cancións líricas de loor á Virxe, 12 conmemoracións de festas marianas e 5 de festas de Noso Señor. O conxunto posúe un prólogo e mais un epílogo escritos en verso polo propio Afonso X.
Cantigas narrativas
O primeiro apartado fórmano as cantigas da nosa Señora, cantigas narrativas con loanzas á Virxe Santa María e que son un verdadeiro compendio de historias, milagres, xogos etc. relacionados coa Virxe, ben sexa pola súa intervención directa ou polos amores místicos que a súa figura xera nas almas piadosas. Tan só a participación milagreira da Virxe consegue resolver satisfactoriamente a conxuntura, polo que a cantiga remata sempre con agradecementos e gabanzas á figura de Santa María. A estrutura destes textos corresponde ao esquema:
- Limiar sobre o milagre que vai ser relatado, seguido dunha máxima que logo se repetirá ao final de cada estrofa a xeito de refrán.
- Relato do milagre.
- Conclusión moral.
Cantigas líricas
O segundo grupo son as cantigas líricas que decorren por dúas vías esenciais: unha que segue o modelo das cantigas de amor e outro que provén de inspiración litúrxica.
- O primeiro conxunto, formado polas cantigas de loor, segue, daquela, o modelo da cantiga de amor trobadoresca. Estas composicións teñen un número máis reducido xa que aparecen intercaladas entre cada nove cantigas, ocupando os números 1, 10, 20, 30... Trátase de poemas máis serios, líricos, profundos, case místicos, nos cales en lugar de cantar os milagres da Virxe reflíctese sobre ela, como nunha oración. Adoito aparece o «rei trobador» diante da Virxe María, nunha postura de humildade, gabando as súas calidades e ofrecéndolle a súa devoción reiterando a súa decisión de converterse en trobador da Virxe[6].
- Porén, a meirande parte das cantigas de loor conectan de xeito directo coa pregaria do culto á Virxe na tradición cristiá. En consecuencia, están compostas en forma de himnos, oracións e gabanzas á figura de María.
Temática
Polo que respecta á temática, a obra amosa unha ampla variedade:
- Milagres que loan a figura de María como auxiliadora dos seus devotos, sandadora dos doentes ou consolo dos que sofren algunha mágoa.
- Milagres que critican pecados e costumes deshonestos.
- Milagres a prol de santuarios marianos.
- Cantigas que mencionan as festas dedicadas a María.
- Cantigas arredor dos misterios máis significativos do cristianismo.
Existen un certo número de composicións que manifestan xunto á intencionalidade relixiosa, outra de aberto carácter político-propagandístico: así ocorre con todo un minicilo que amosa milagres acontecidos na actual provincia de Cádiz, territorio de especial valor estratéxico nos proxectos do rei, quen empregaba a figura da Virxe para xustificar determinadas actuacións[4].
Orixe e lingua
A devoción mariana estaba en auxe nese século e frades, clérigos e cabaleiros en xeral participaban dela. O rei alentaba nas súas cantigas a poetas e xograres para que dedicasen os seus esforzos e inspiracións á Santa Dama.
A lingua das cantigas marianas abandona os esquemas da lírica profana, con paralelismos e dobres, e ofrece unha lingua máis coloquial, con frases e refráns que aínda sobreviven na lingua galega actual, e con menos provenzalismos presentes nas cantigas amorosas.
Fronte ao resto das cantigas, a medida dos versos é moi variada e oscila entre as catro e as dezaseis sílabas. Aparecen irregularidades rítmicas que se axustan, con todo, ás estruturas musicais. Nelas áchase maior variedade de rexistros e riqueza léxica. Aparecen estranxeirismos occitanos, franceses e casteláns.
As Cantigas de Santa María son unha das coleccións de miniaturas máis ricas de todo o medievo, e un documento moi útil para coñecermos a vida cotiá da época, desde o vestiario até os instrumentos. Galería fotográfica.
Recompilación cantigas de Santa María
Comentários
Enviar um comentário