Nova xornada de protestas e disturbios nos EUA pola morte de George Floyd. Comentario Crítico


Nova xornada de protestas e disturbios nos EUA pola morte de George Floyd

Á lista de casos de violencia policial e racismo que se viven nos EUA sumouse a semana pasada a morte en Minneapolis dun cidadán negro baixo custodia policial logo de que un dos axentes mantivese o xeonllo sobre o pescozo del durante case nove minutos. A carraxe nestes sete días foi en aumento nas rúas e estendeuse por todo o país.

Onte viviuse nos Estados Unidos unha nova xornada de protestas pola morte hai unha semana do cidadán negro George Floyd a mans dun policía branco en Minneapolis (Minnesota). Protestas que se converteron en fortes enfrontamentos coa policía e en disturbios, incluídos saqueos de tendas e o uso excesivo da forza por parte dos axentes. 

Floyd morreu despois de ser arrestado pola Policía. O vídeo onde se pode ver un axente branco axeonllado durante varios minutos sobre o pescozo deste home de 46 anos, detido por unha suposta falsificación, fixo estalar as protestas. Na gravación Floyd trata de pedir axuda e berra en repetidas ocasións que non pode respirar, "I can't breathe", unha frase que se converteu en lema das protestas.

Este é o último episodio dunha longa lista de incidentes que poñen de manifesto a tensión racial que persiste nos Estados Unidos, especialmente coa minoría negra, que supón case 40 millóns de habitantes (arredor de 12% da poboación do país).

Non obstante, segundo unha recente investigación publicada na revista científica PNAS (Proceedings of the National Academy of Sciences), os homes negros teñen  2,5 veces máis posibilidades de morreren a mans da policía que os homes brancos non hispanos. 

Casos recorrentes 

Cada vez que un home negro é atacado ou morre a mans da Policía, volven á memoria do país os nomes de Eric Garner, Michael Brown, Tamir Rice, Walter Scott, Freddie Gray, Corey Jones, Alton Sterling ou Philando Castile.

O caso máis significativo é o de Rodney King. En 1992, a cidade de Los Angeles viviu tres días de violencia, incendios e saqueos en que morreron 53 persoas e houbo centos de feridos. A causa foi a sentenza absolutoria dos catro axentes de policía que propinaron unha brutal malleira a King, un taxista, tras unha persecución mentres se encontraba en liberdade condicional.

O incidente foi gravado por un vídeo afeccionado, nun tempo en que non había a tecnoloxía móbil actual, e deu a volta ao mundo. King sufriu numerosas fracturas, mais no seu caso, sobreviviu. O xurado, composto por dez brancos, un asiático e un hispano, absolveu os catro oficiais do cargo de asalto e desatou as protestas e a violencia extrema nas rúas da cidade.

Outro dos casos que máis impacto causou nos últimos anos nos Estados Unidos por discriminación racial deuse en 1989, cando cinco adolescentes (catro negros e un latino), que nese momento tiñan entre 14 e 16 anos, foron sentenciados a prisión tras ser acusados de violar e golpear a unha muller en Central Park, na cidade de Nova York.

Os rapaces foron encarcerados malia unha serie de graves irregularidades durante o proceso policial e xudicial. En 2002, cando algúns aínda permanecían na cadea, un home confesou ser o verdadeiro agresor e ficaron absoltos.

Trump, refuxiado

Na noite de onte, horario local, volvéronse repetir os disturbios nas principais cidades do país. En Washington, Filadelfia e Nova York volveu haber enfrontamentos coa policía malia que nas dúas primeiras cidades estaba decretado o toque de queda. Rexistráronse incendios, lanzamento de gases lacrimóxenos, estragos en edificios e ducias de detencións.

Máis de 40 cidades impuxeron toques de queda. Atlantic City e Nova Jersey estendérono a toda esta semana, mentres que Cleveland e Ohio fixérono até hoxe.

A Garda Nacional, un corpo de reservistas, despregouse en 15 Estados e na capital do país, Washington DC.  Ademais, Donald Trump ─que se refuxiou no bunker da Casa Branca durante as protestas─ anuncio por Twitter o domingo que ten a intención de designar como organización terrorista o movemento antifascista Antifa, a quen acusa de liderar a violencia nas protestas.

Na vindeira segunda feira, 8 de xuño, Derek Chauvin, o ex axente da Policía que mantivo o seu xeonllo sobre o pescozo de George Floyd durante oito minutos e 46 segundos, comparecerá diante do xulgado. Chauvin está acusado de asasinato en terceiro grao (un tipo de delito específico da lexislación de Minnesota que fai referencia a mortes "sen intención" por "actos eminentemente perigosos") e de homicidio imprudente en segundo grao.

Protestas no Canadá e en Europa

O grito de "Non podo respirar" púidose escoitar durante as últimas horas alén das fronteiras dos EUA. Por exemplo, en Londres, na fin de semana houbo dúas xornadas de manifestacións consecutivas contra a brutalidade e o racismo policiais. Tamén en Dinamarca ou Alemaña rexistráronse protestas. En Berlín, ducias de persoas reuníronse fronte á embaixada estadounidense e varios xogadores da liga alemá de fútbol mostraron camisetas en lembranza de George Floyd.

En Toronto, Canadá, foron miles os cidadáns que saíron á rúa empuxados polas protestas no país veciño. Ademais de denunciar a morte de Floyd, tamén lembraron o falecemento de Regis Korchinski-Paquet, unha muller negra que faleceu ao caer desde o balcón da casa dela mentres estaba soa coa Policía.

Comentários

Mensagens populares deste blogue

O TEXTO E AS SÚAS PROPIEDADES (ADECUACIÓN, COHESIÓN E COHERENCIA)

A sílaba. Os ditongos, tritongos e hiatos. Repaso de acentuación

¡Soia! Follas Novas Comentario